O proxecto da residencia de maiores de A Pontenova queda en suspenso á espera de nova empresa

AMariñaXa
O organismo provincial busca alternativas para rematar canto antes a obra, que leva tres prórrogas e só está executada ao 80 %
Infografia-residencia-A-Pontenova-5
26 Sep 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde ao inicio do proceso de rescisión do contrato coa construtora Naray, responsable da obra da residencia de maiores de A Pontenova. A decisión chega despois de que se superasen tres prórrogas sen que os traballos quedasen finalizados.

O deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que a empresa dispón agora dun trámite de audiencia. Mentres se avanza na rescisión, a Deputación está a estudar diferentes opcións para retomar os traballos e garantir a súa conclusión no menor prazo posible. Segundo indicou Rivera, na actualidade está completado arredor dun 80 % do proxecto.

A construtora Naray é tamén a encargada da reforma do hospital asilo de Ribadeo, unha actuación cuxo prazo inicial de execución xa foi superado. Neste caso, o alcalde Dani Vega precisou que se concedeu unha prórroga que segue vixente.

A residencia de A Pontenova fora adxudicada no ano 2021 por 1,97 millóns de euros. O centro constrúese nunha parcela de máis de 2.000 metros cadrados situada na Chousa de Abaixo, en Vilaoudriz, adquirida previamente polo Concello. Segundo o modelo da Rede de Residencias Provinciais impulsada pola Deputación, contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, xerando uns 25 postos de traballo directos.

O proxecto establecía un prazo máximo de 15 meses para a execución da obra, aínda que a apertura definitiva dependerá dos permisos autonómicos pertinentes.

O alcalde da Pontenova, Darío Campos, explicou que “é unha obra moi importante e é unha mágoa que a obra leve tanto atraso. É un servizo que a xente demanda e creo que funcionará moi ben”.

Campos tamén se referiu á satisfacción persoal que lle supón esta iniciativa: “A residencia é unha cousa que a min persoalmente faime moita ilusión e teño moitas ganas de que chegue o momento de abrila. É un dos servizos que a min, como alcalde da Pontenova e desde o comezo do meu mandato, máis importante me pareceu e por iso sempre quixen sacala adiante”.

Con estas palabras, o rexedor reiterou o seu compromiso co desenvolvemento de servizos sociais no municipio e coa mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas da Pontenova.

⚙ Configurar cookies
0.094432830810547