O programa Mans Artesás leva a Ribadeo un curso de cesteiría con forte participación veciñal

O deputado Daniel García visitou a localidade de Arante, en Ribadeo, onde se está a desenvolver un dos cursos de artesanía incluídos no programa Mans Artesás, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de achegar oficios tradicionais á veciñanza da provincia.
A formación está centrada na cesteiría e é impartida pola artesá María Folgueira, que guía ás participantes no proceso de aprendizaxe das técnicas básicas deste oficio. Ao longo das sesións, as alumnas elaboran diferentes creacións, como cestas ornamentais e de uso doméstico, reloxos artesanais ou bolsos, combinando aprendizaxe práctica e creatividade.
Durante a súa visita, Daniel García destacou a boa acollida do programa, que cualificou de “extraordinaria” por parte das asociacións que o integran nas súas actividades. Subliñou ademais o valor destes cursos como espazos de formación, convivencia e participación activa da cidadanía arredor da artesanía tradicional.
O programa Mans Artesás, posto en marcha este ano, está a desenvolver cursos, demostracións e obradoiros en distintas localidades da provincia. Só neste mes de xuño, están programadas 25 actividades repartidas por diferentes comarcas, dando resposta ás demandas de colectivos culturais e veciñais.
A iniciativa, cuxa convocatoria se pechou en marzo ao esgotarse o orzamento previsto, reforza o apoio da Deputación ao sector artesanal, considerado clave na conservación do patrimonio inmaterial e no impulso dunha actividade económica sostible vinculada ao territorio e ao consumo responsable.