O prezo da auga nos fogares galegos e a atención primaria centraron o Pleno da Deputación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación reclama á Xunta o compromiso de que a entrada en vigor da Lei de mellora integral do ciclo da auga non subirá o recibo.
pleno deputacion
26 Xul 2022

A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a garantir que a entrada en vigor da Lei de Mellora Integral do Ciclo da Auga, aprobada o pasado mes de xuño no Parlamento en solitario polo Partido Popular, non se traducirá nun incremento do prezo que pagan os fogares lucenses e galegos por un servizo básico. Así se acordou no Pleno ordinario da Corporación Provincial do mes de xullo celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Socialista.

A voceira socialista provincial, Pilar García Porto, sinalou que na súa redacción actual, a nova lei aprobada polo PP “suporá unha suba media dun 61% no recibo anual dos fogares galegos, que subirá de 53 a 86€ coa creación de tres novos impostos: o canon de xestión de depuradoras, o canon de xestión de colectores e o canon de xestión de abastecementos, polos que a Xunta prevé na memoria económica da propia normativa recadar 50M€ máis ao ano. Un verdadeiro sablazo fiscal que chega no peor momento para os concellos e para a poboación pola crise económica”.

A institución provincial tamén urxe ao Goberno galego a que, no marco do Plan Estratéxico 2022-2030, deseñe un plan estratéxico consensuado coa FEGAMP para determinar as infraestruturas necesarias, o financiamento das obras e os prazos de execución. Fronte á actual proposta da Xunta, que carga aos concellos co 30% do financiamento das novas obras de abastecemento e saneamento, a Deputación reclama que estas infraestruturas opten aos fondos Next Generation e que se garanta aos concellos o retorno dunha parte do canon da auga que actualmente pagan as entidades locais e os veciños.

En opinión de García Porto, “a Xunta impón as condicións e decide onde, cando e como se fan as obras, e aos concellos non lles queda outra que pagar o que a Xunta decida con fondos propios. Isto coarta a autonomía local e supón unha extorsión aos concellos”.

A voceira provincial do PSdeG denunciou “a hipocrisía do PP. Feijóo marcha a Madrid prometendo que vai baixar os impostos, pero sae de Galicia deixando preparada esta suba para os galegos”. A Deputada contrapuxo as medidas sociais adoptadas polo Goberno central, coa actitude da Xunta, “que elimina a Tarxeta Básica que axudaba ás familias máis favorecidas a mercar alimentos e a substitúe por axudas para internet, que non parece unha prioridade neste momento”. 

ATENCIÓN PRIMARIA

Por outra banda, a Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia que resolva as deficiencias do sistema sanitario “diante do panorama desolador e da situación caótica da Atención Primaria na provincia de Lugo, que a Xunta ten baixo mínimos”.

Desde a institución provincial demandan que se adopten medidas inmediatas, “como por exemplo unha convocatoria extraordinaria de especialistas en medicina de familia, para resolver as deficiencias xeradas no sistema sanitario, sobre todo durante o verán na nosa provincia”.

A Deputada lembrou as constantes declaracións públicas das asociacións e colectivos do eido sanitario sobre a situación actual de recortes e peches na provincia e na comunidade autónoma, “e que son desprezadas constantemente polo Goberno do PP”. “Non sei como non se poñen colorados coa sanidade en precario que defenden. Debería darlles vergoña apoiar un modelo que está rachando coa universalidade do noso sistema sanitario”, dixo.

García Porto puxo de manifesto que en Galicia, “dende a chegada do Goberno de Feijóo recortáronse 1.100 sanitarios, só en Atención Primaria, e no ritmo que levamos ata o 2024 perderemos outros 1.500. Polo tanto, haberá 2.600 sanitarios menos en Galicia dende a chegada do PP á Xunta”.

A Deputada remarcou que “é necesario realizar un esforzo na contratación de persoal”. E contrapuxo a demagoxia do PP en relación á convocatoria de prazas MIR. “Quen deixou de pedir as prazas MIR foi o Goberno da Xunta, e as que pediu non as cubriu”, dixo.

García Porto incidiu en que o Goberno da Xunta deixou sen cubrir o 20% das prazas MIR na Atención Primaria, e lembrou que na última convocatoria as prazas de Lugo quedaron todas desertas, “polas condicións laborais do SERGAS”. A Deputada recalcou que, das 151 prazas que deixaron sen convocar en 10 anos, “supoñen unha media de máis de 2 médicos por concello. Esta é a realidade”.

Ademais, lembrou que o Ministerio de Sanidade acaba de realizar unha convocatoria récord de prazas para formar sanitarios, aumentando as prazas MIR nun 5% con respecto ao anterior e nun 38% desde que chegou ao Goberno do Estado. Esta é a comparativa en relación ao último Goberno do PP. Polo tanto, non veñan a dar leccións, porque nin sequera reclamaron que se fixera unha convocatoria extraordinaria”, expuxo.

A institución provincial insta ao Goberno galego “a que cubra as baixas, os períodos de vacacións e as xubilacións, e que remate coa práctica de parcheo consistente en pechar puntos de atención médica nuns sitios para derivar ao seu persoal a outros centros, como aconteceu na nosa provincia”.

O acordo inclúe tamén pedir á Xunta que se abra un proceso de diálogo cos profesionais do sistema sanitario “para deseñar conxuntamente ofertas de emprego con criterios de discriminación positiva no deseño das OPE, co fin de cubrir as prazas que necesitan tanto os hospitais comarcais como o conxunto de centros do sistema sanitario no rural”; “Demandamos que se abra un proceso de diálogo co persoal titor para incrementar o número de prazas de formación que oferta Galicia e que a Xunta se comprometa a convocar todas as prazas MIR ofertadas polo Goberno do Estado, ante a pésima situación que padecemos na nosa provincia”.

INCENDIOS FORESTAIS

O voceiro, Javier Castiñeira, quixo enviar en nome de todo o Grupo Provincial Popular unha aperta a todos os lucenses que están sufrindo estes días os voraces incendios forestais que destruíron montes e incluso propiedades de gran valor natural, económico, social. Están a ser días tristes para Lugo, para toda a provincia e, particularmente, para os municipios do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Cervantes, Palas de Rei e Antas de Ulla. Queremos trasladar tamén o noso recoñecemento, sen excepcións, a todo o persoal que cooperou na loita contra os incendios: tanto os profesionais, coma os voluntarios e os persoeiros civís que estiveron cos veciños ao pé do problema”.

“É un momento complexo e difícil. E, polo tanto, queremos mostrar a nosa solidariedade con todas as persoas ás que os incendios trastornaron a súa vida.  Tamén cos alcaldes destes concellos que coñecen o territorio e as persoas que son propietarias de montes, casas ou negocios que agora están queimados e coñecen os problemas que se lle veñen enriba. Hoxe o Grupo Provincial Popular non ten a compañía de Lola Castro, a alcaldesa de Folgoso do Courel. Entendemos que estea cos veciños”, manifestou o voceiro popular.

Castiñeira explicou que “ten que abrirse un debate, pero non é o momento. É o momento de estar cos veciños e as persoas que quedaron sen as súas casas e os seus negocios”. Engadiu tamén que: “Hai que debater para afrontar este tipo de problemas en vindeiras ocasións. O tempo está cambiando. Non estabamos acostumados a estas olas de calor que acade vez veñen antes e son menos comúns. Hai que ter visión de futuro para poder atallar esta circunstancia”.

Os populares cren que “agora toca atender aos veciños”. Nese sentido, lembrou que “a Xunta xa anunciou de axudas directas -compatibles coas do resto de administracións e aseguradoras- para garantir o arranxo completo das vivendas habituais con apoios de ata 122.000 euros e tamén para segundas vivendas, negocios, explotacións e incluso para os concellos”. Así mesmo, explicou que “Galicia é a comunidade que máis inviste na loita contra os incendios: 180 millóns de euros dos que 33 se dirixen a prevención. Moi por enriba da segunda, Cataluña”.

Castiñeira puntualizou que o líder dos socialistas galegos, Valentín Formoso, tiña manifestado que “politizar os incendios é un erro” e explicou que “os incendios son un problema nacional e tamén internacional. Outros países que non sufrían olas de calor e incendios, súfrenos agora”.

Polo tanto, defendeu que “ten que haber un debate puro, sen demagoxia nin propagando sobre o motivo polo que a xente do rural se vai ás cidades. Hai que velar pola poboación, pero tamén polo territorio”. Así considera que “se debe debater a nivel autonómico e nacional; pero todas as administracións debemos facer unha discriminación positiva aos concellos pequenos. Neste sentido, a Deputación ten moito que mellorar”. Con todo, “quédome co talante de querer mellorar as cousas entre todos”, concluíu.

0.15194416046143