O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, renovou o seu cargo

AMariñaXa
O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, renovou o seu cargo tralas eleccións celebradas no marco dos terceiros comicios unificados nos pósitos galegos.
10 ene 2023

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, renovou o seu cargo tralas eleccións celebradas no marco dos terceiros comicios unificados nos pósitos galegos. Neste proceso tamén foi elixido como vicepresidente primeiro da entidade Javier Sánchez, patrón maior de San Cibrao, e como vicepresidente segundo Iago Tomé, patrón maior de Raxó, de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos.

A proclamación definitiva dos órganos reitores da Federación Galega de Confrarías de Pescadores produciuse hoxe e a súa toma de posesión será mañá, martes 10 de xaneiro, dándose así por completado o proceso electoral unificado nas confrarías de pescadores galegas.

Estes comicios á federación galega son unha continuación dos iniciados coa elección dos 62 patróns e vicepatróns maiores noutras tantas confrarías de pescadores, así como dos presidentes das tres federacións provinciais e os seus órganos reitores, e amosan a madurez democrática do sector á hora de elixir aos seus representantes.

O único proceso pendente agora é a celebración das eleccións á confraría de pescadores de Baiona, na que o vindeiro 21 de xaneiro se realizarán as votacións para a elección dos vogais que formarán parte da xunta xeral e que serán os encargados de designar os novos órganos reitores da entidade.

Os resultados destes comicios na Federación Galega de Confrarías de Pescadores puxeron no cargo de presidente a José Antonio Pérez Sieira, vicepresidente primeiro a Javier Sánchez Fernández, de San Cibrao; e vicepresidente segundo a Iago Tomé Blanco de Raxó.