O PP solicita que o Goberno se implique con Alcoa ao ser "fundamental para o emprego"

AMariñaXa
Os populares coinciden en que “a factoría de alúmina-aluminio é fundamental para o emprego e o desenvolvemento da comarca”
pp-mariña
25 Out 2024

A situación de incerteza sobre a factoría de Alcoa é un dos problemas que máis preocupan ao Partido Popular da Mariña. Así llelo trasladaron aos deputados nacionais -Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca que participaron nunha reunión de traballo para poñer sobre a mesa “necesidades e incumprimentos do Goberno de Sánchez que nos ten abandonados” e “coordinar” o traballo dos deputados lucenses no Congreso como “voz e altavoz das reivindicacións da Mariña”, segundo explicou De Olano.

Os populares coinciden en que “a factoría de alúmina-aluminio é fundamental para o emprego e o desenvolvemento da comarca” e sinalan que “é imprescindible que o Goberno de España se implique e favoreza un marco enerxético estable”. O alcalde de Xove e coordinador comarcal do PP, Demetrio Salgueiro, urxe a convocatoria da mesa de seguimento do pacto “firmado por escrito co Ministerio”, a autorización de parques eólicos para garantir enerxía a prezos competitivos e “incrementar o apoio do Goberno a Alcoa en compensacións por custes de emisións indirectos de CO2”.

De feito, segundo subliñou Francisco Conde, portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso, “o Goberno non pon sobre a mesa todos os mecanismos dos que dispón” porque “podería triplicar a aportación por compensacións de CO2
da que se podería beneficiar a planta de Alcoa. España ten que facilitar un prezo da enerxía que permita á fábrica mariñá competir no mercado con respecto a industrias doutros países como Francia ou Alemaña”. O Grupo Popular no Congreso logrou aprobar no Congreso un plan de apoio á industria electrointensiva, “pero o Goberno non fai nin caso”.

En materia de infraestruturas, De Olano lembrou que “a nosa comarca está abandonada. Nin tren -co FEVE en decadencia- nin estradas. A autovía A74 está parada dende o Goberno de Mariano Rajoy. Besteiro anunciaba en campaña electoral obras para este ano, pero é unha mentira máis do PSOE”, incidiu De Olano. Os alcaldes e representantes dos concellos da Mariña tamén advertían dunha situación de “discriminación”. Salgueiro puxo de manifesto que “a falta de investimentos do Goberno en materia de infraestruturas está a xerar unha Mariña en dúas velocidades” á vista de que “a zona oriental está comunicada co norte peninsular e o centro da provincia a través da A-8”.

0.27903890609741