O PP ribadense asegura que os orzamentos aprobados non palian os efectos da covid
Aprobado no Concello de Ribadeo o orzamento municipal para 2021 que se aproxima aos 10 millóns de euros, un orzamento que a oposición asegura que non cubre os efectos que tivo a pandemia na sociedade.
O presuposto increméntase nun 8´25% con respecto ao do pasado ano e inclúe, por primeira vez, unha axuda directa de 25.000 euros destinada ao Hospital Asilo para seguir mellorando o servizo integral dese centro. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que se trata dun orzamento serio e solvente e agarda que dea a mellor resposta posible aos retos marcados para este ano.
O rexedor explicou que “prevemos manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas nas que vimos traballando. Tamén se eximen as taxas pola ocupación de terrazas, como unha medida de apoio á hostalería, e mantemos as axudas para o tecido asociativo, tanto comercial como educativo, deportivo ou social. Consignamos, por primeira vez, unha partida de 25.000 euros de axuda directa ao Hospital Asilo, máis aló dos servizos e subministros dos que o Concello xa se viña facendo cargo ao longo da historia. Todo isto facémolo con ánimo de seguir mellorando o servizo integral nesa residencia tan importante para Ribadeo e que, xunto coa nova, dan un servizo indispensable a moitas persoas”.
Suárez Barcia indicou que “incrementamos tamén notablemente o capítulo de inversión, que supera o millón e medio de euros, e que é financiado na gran maioría ben con fondos propios ou ben con fondos da Deputación de Lugo. Aquí desde logo, outro ano máis, botamos moito de menos os fondos da Xunta, e como isto é precisamente un presuposto confiemos que ao longo do ano se lle vaia vendo o envés das maos da Xunta. En todo caso, recollemos partidas para actuacións que consideramos moi importantes como é este vieiro paralelo á estación de Feve, diversas actuacións en espazos públicos e en rúas, tamén un plan de camiños de titularidade municipal nas diferentes parroquias, así como reposición de tramos da rede de abasto de auga, instalacións deportivas e sociais nas parroquias, mellora en eficiencia enerxética de alumeados e mellora na praza de abastos. Todo este forte incremento de inversións tamén se enmarca no proceso de reactivación económica que toca diferentes áreas”.
O alcalde dixo: “en canto ás críticas que recibimos, especialmente do PP, que se os presupostos son tan malos non sei porqué non votaron en contra, lles explicamos os datos, por voz do meu compañeiro o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, que durante o ano 2020 o Concello viu incrementados os custos en medidas de prevención contra o covid en máis de 200.000 euros para atender a limpezas, a desinfeccións e outras accións semellantes, nun contexto ademais de redución de ingresos que cuantificamos en máis de 300.000 euros, dos que a Xunta gobernada polo PP, e recibindo fondos estatais e fondos europeos, tan só aportou ao Concello a pírrica cantidade de 9.500 euros. Iso esqueceuse de dicilo o concelleiro Vega como tamén esqueceu as importantísimas achegas que o Concello fai ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando é unha competencia autonómica e que no SAF básico, o de primeira atención, ademais de custealo nós e máis a Deputación, resulta que en numerosas ocasións tamén nos temos que acabar ocupando da atención ás persoas que requirirían o SAF da dependencia, que é autonómico, pero que como non os dan valorado, logo de meses e meses de espera pola falta de acción da Xunta, tense que acabar ocupando o Concello de Ribadeo, como outros Concellos”.
Suárez Barcia engadiu que “no contexto social e económico no que vivimos, e dentro do ámbito das nosas competencias, tentamos facer un presuposto serio e solvente, coa intención de que dea a mellor resposta posible aos retos que temos por diante neste ano. E se logo outras administracións tan linguateiras pero logo tan parcas economicamente, como a Xunta, van aportando algo máis do escasamente previsto benvido será desde logo”.
AS CRÍTICAS
O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “os orzamentos para 2021 aprobados polo BNG non pensan en combater a crise derivada da pandemia da covid-19”. É máis, “nestes momentos reducen a inversión en Ribadeo” e “dan as costas á reactivación económica de Ribadeo porque non concretan ningunha partida para dotar ao Concello dun plan de reactivación económica como propuxemos ata en tres ocasións dende o Grupo Municipal Popular e ao que o BNG sempre dixo non”.
As contas para o 2021 en Ribadeo ascenden a 9,8 millóns de euros dos que 1,5 se destinan a inversión; pero, destes, o Concello aportará “única e exclusivamente 60.000 euros porque o resto son achegadas doutras administracións”, aclara. Por outra banda, denuncia que “falta por concretar unha partida para o asilo”.
Vega critica tamén que “o goberno local segue na mesma liña que o ano pasado: pedir créditos e deixar sen investir. No 2020 pediu un crédito de 550.000 euros e deixou sen investir 335.000 euros. E para o 2021, pide outro crédito de 610.000 euros que non sabemos onde se vai investir porque a súa resposta foi o silencio”.
Así, de cara ao 2022 “o Concello terá unha carga financeira de 1,6 millóns de euros”. Esta débeda acredita que “o goberno local do BNG non é un bo xestor”.
“O goberno do BNG parece permanecer alleo á realidade e non escoita o que pasa nestes momentos”, di Daniel Vega. Trátase duns orzamentos “pésimos” segundo o voceiro do Grupo Municipal Popular porque “non pensan nas familias máis vulnerables, nin no tecido económico local”. Tampouco eliminan taxas e impostos municipais temporalmente, engade. Critica Vega que “o goberno local pense que cun incremento de 30.000 euros vai solucionar os problemas das familias máis vulnerables e que peor o están pasando”.
O popular defende tamén que, “nestes momentos de gran crise, os orzamentos deberan ser consensuados cos distintos grupos da Corporación municipal e co tecido económico do municipio” e, nesa liña, é na que o Grupo Municipal Popular se compromete a seguir traballando.