O PP reclama prazos para a estabilización do talude de Arealonga polo risco para o tren e o paseo marítimo

Foz
AMariñaXa
Os populares advirten da urxencia da actuación entre Fazouro e Nois tras os desprendementos e a erosión dos cantís
Balseiro,-Serrano-e-Castiñeira---praia-Arealonga
21 Mar 2026

O Partido Popular volveu poñer o foco na necesidade de actuar con rapidez na contorna da praia de Arealonga, no concello de Foz, onde consideran imprescindible a estabilización do talude que afecta á liña ferroviaria de vía estreita e ao paseo marítimo. A formación reclama ao Goberno central que concrete prazos para unha intervención que cualifican de “urxente” ante o risco existente.

Os senadores José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz popular no municipio, Javier Castiñeira, desprazáronse recentemente á zona para comprobar sobre o terreo a evolución dos danos provocados polos desprendementos rexistrados en marzo de 2024. Aquel episodio afectou de maneira significativa ao paseo marítimo de Cangas, que continúa parcialmente inutilizado, e deixou en evidencia a fraxilidade dos cantís nesta franxa costeira.

Desde o Senado, o Partido Popular solicitou información ao Executivo estatal sobre as actuacións previstas para garantir a seguridade da liña de FEVE, que discorre pola parte superior do cantil. Na actualidade, os convois que circulan por este tramo —dous diarios en cada sentido, cara a Ferrol e cara a Xixón— vense obrigados a reducir a velocidade debido ao risco de novos desprendementos.

Segundo trasladou o Goberno, xa foron adxudicadas obras por valor de 1,28 millóns de euros para actuar neste punto, ás que se suma outra intervención de 819.000 euros destinada á estabilización doutros taludes entre Viveiro e Xove. Con todo, os populares critican que non se fixasen prazos concretos para a execución dos traballos, o que, ao seu xuízo, xera incerteza nunha situación que consideran prioritaria.

Balseiro advertiu de que “case dous anos despois dos desprendementos, o paseo segue afectado e a situación continúa sendo preocupante”, especialmente pola proximidade da vía férrea. Pola súa banda, Castiñeira puxo o acento na “erosión moi acusada” dos cantís, que incide nas praias do Castro e Arealonga, e trasladou a inquietude da veciñanza de Fazouro e Nois. Ademais, lamentou o estado do paseo e a presenza de restos na contorna, insistindo na necesidade de actuar “canto antes” para garantir a seguridade e permitir a recuperación do espazo de cara á tempada estival.

0.12457394599915