O PP reclama no Senado explicacións polo atraso da autovía da Mariña

AMariñaXa
Os populares denuncian que o Goberno central incumpriu o compromiso de iniciar as obras da A-74 e lembran que ningún tramo está en execución
Senadores-alcaldes,-portavoces-e-concelleiros-PP-Mariña
24 Jan 2026

O Partido Popular vén de levar ao Senado o atraso na autovía da Mariña, a A-74, para esixir explicacións ao Goberno de Pedro Sánchez polo incumprimento do compromiso de iniciar as obras ao longo do ano 2024. Segundo lembran os populares, ese anuncio fora realizado polo secretario xeral do PSdeG en plena campaña das eleccións xerais do verán de 2023, un prazo que xa quedou amplamente superado sen que se producise ningún avance real sobre o terreo.

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, rexistraron formalmente varias preguntas escritas para que o Executivo central aclare por que non se puxeron en marcha os traballos en ningún dos tramos previstos desde o inicio da lexislatura. Os parlamentarios subliñan que, a día de hoxe, non hai quilómetros en obras nin infraestruturas operativas.

Balseiro incide en que a situación da A-74 segue practicamente igual que hai anos e apunta que o único movemento administrativo foi a nova aprobación do proxecto dun dos subtramos, o comprendido entre O Carme-Foz e Barreiros. “Nin sequera se pasou do papel á obra”, sinala o senador popular, que considera insuficiente e decepcionante a actuación do Goberno.

O representante do PP lembra ademais que o Executivo tamén está a incumprir un acordo aprobado no Senado. En marzo do ano pasado, a Comisión de Transportes da Cámara Alta deu luz verde —coa abstención do PSOE— a unha iniciativa do Grupo Popular para instar ao Goberno de España a iniciar durante o ano 2025 as obras en todos os tramos da autovía da Mariña. Un compromiso parlamentario que, segundo denuncian, tampouco se está a cumprir.

Balseiro defende que a A-74 é unha reivindicación histórica e compartida por toda a sociedade mariñá, que leva anos agardando por unha infraestrutura viaria moderna e acorde ás necesidades actuais. Fronte a iso, lembra que a estrada nacional N-642 soporta un elevado volume de tráfico e presenta problemas recorrentes no seu firme, xerando inseguridade e malestar entre usuarios e veciños.

O senador popular tamén critica que o Goberno de Sánchez non chegase a executar nin sequera os 4 millóns de euros que quedaran consignados nos Orzamentos Xerais do Estado elaborados polo Executivo de Mariano Rajoy. “Con Sánchez, A Mariña perdeu oito anos”, conclúe Balseiro, insistindo na falta de avances reais nunha infraestrutura clave para o desenvolvemento da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.30298686027527