O PP reclama no Senado a cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro ao Concello de Viveiro

AMariñaXa
A iniciativa busca recuperar o edificio de Pedrosa Latas para dar resposta á falta de espazos públicos dispoñibles para colectivos sociais
antigo-colexio-celeiro
5 Aug 2025

O Partido Popular anunciou unha nova ofensiva institucional para reclamar ao Goberno de España a cesión gratuíta do antigo colexio Antonio Pedrosa Latas de Celeiro ao Concello de Viveiro. A iniciativa será impulsada no Senado polos representantes lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, quen compareceron nunha rolda de prensa acompañados pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, e membros do grupo municipal popular.

Os populares lembraron que esta demanda non é nova, e que xa en 2021 o Parlamento de Galicia acordara, por unanimidade, solicitar ao Estado a cesión do inmoble, sen que o Goberno socialista dese pasos concretos para facelo efectivo. “Non houbo vontade de colaborar nin da administración central nin do anterior goberno local”, denunciaron.

O inmoble, actualmente en mans da Tesouraría da Seguridade Social, leva anos abandonado e nun progresivo estado de deterioración. Desde o peche da súa actividade lectiva en 1998, o edificio non tivo ningún uso estable. Os populares critican que o Estado tentase subhastalo “sen éxito”, e censuran a súa preferencia por “obter rendemento económico antes que colaborar co municipio”.

A proposta actual pretende recuperar o espazo para uso público, ben como sede da Escola Oficial de Idiomas, ben como centro para o tecido asociativo local. “Hai moita demanda de locais por parte das entidades de Viveiro, e o Concello non pode ofrecer solucións se non é titular do edificio”, sinalou a alcaldesa Gueimunde, quen urxiu a resolver a situación.

⚙ Configurar cookies
0.17104816436768