O PP reclama ao Goberno a creación dunha nova unidade xudicial en Viveiro

Foz
AMariñaXa
Os senadores lucenses consideran inxustificable que o Tribunal de Instancia quede fóra do plan estatal de novas unidades xudiciais
José Manuel Balseiro na Comisión
2 Feb 2026

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— xunto coa voceira de Xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo, rexistraron unha pregunta parlamentaria dirixida ao Goberno para instalo a crear unha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Viveiro. A iniciativa responde á grave sobrecarga de traballo que soporta este órgano xudicial, segundo denuncian os representantes populares.

O 26 de xaneiro de 2026, o ministro de Xustiza anunciou a posta en marcha de 500 novas unidades xudiciais en todo o Estado. Entre as prazas previstas, non figura ningunha destinada a Viveiro, a pesar de que o xulgado atende unha elevada carga de asuntos e presta servizo a unha ampla poboación da Mariña lucense.

Os senadores do PP de Lugo, que actúan a petición da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, consideran “inxustificable” esta exclusión, que, segundo indican, supón un novo agravio para os veciños e profesionais da xustiza da zona. “A ausencia dunha nova unidade provoca atrasos na tramitación dos procedementos e reduce a calidade do servizo público da Xustiza”, sinalan.

As cuestións rexistradas ao Goberno para a súa resposta por escrito son, por unha banda, se se vai crear unha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Viveiro; e, no caso de que a resposta sexa negativa, cal é o motivo que xustifica a non creación desta unidade.

Os representantes do PP en Lugo lembran que dotar aos xulgados de medios humanos e materiais suficientes é esencial para garantir unha Xustiza áxil, eficaz e próxima aos cidadáns, un obxectivo que consideran comprometido no caso de Viveiro pola falta de reforzo desta unidade.

⚙ Configurar cookies
0.076521873474121