O PP provincial sobre a A-74: “Sánchez confirma que non avanzou nada neste 2024”
Os deputados do PP lucense no Congreso –Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- trasladan que o Goberno de Sánchez confirma en resposta oficial por escrito á súa pregunta que “a autovía A-74 ten todos os proxectos en redacción” ou, o que é o mesmo, “non avanzou nada neste 2024”.
O deputado mariñán, Jaime De Olano, entende que “o Goberno de Sánchez desmente a Besteiro, o secretario do PSdeG-PSOE, que comprometía o inicio das obras da autovía da Mariña para o 2024”. Á vista de que a finais deste ano se atopan os proxectos aínda en fase de redacción, “todo indica que as obras tampouco comezarán na primeira metade do 2025”, segundo o popular.
De Olano explica que os Presupostos Xerais do Estado (PGE) do ano 2023 -e prorrogados para o 2024- “supuxeron un recorte en cascada na dotación orzamentaria para impulsar o procedemento de execución segundo a previsión do anterior Goberno do Partido Popular”.
Os Gobernos de Sánchez “paralizaron” o avance desta autovía fundamental para conectar A Mariña occidental a través dunha vía de alta capacidade como alternativa á N-642. “Nestes seis anos non executaron o previsto polo Goberno de Rajoy nin as cantidades ínfimas que o propio Goberno de Sánchez reflectiu nos PGE elaborados por Sánchez -tres neste período-.