O PP non apoia o orzamento de Foz e avisa de que no 2023 apenas haberá investimento propio

Foz
AMariñaXa
O PP non apoia o orzamento de Foz e avisa de que no 2023 apenas haberá investimento propio porque só reserva para elo 335.000 euros
1 dic 2022

O PP non apoia o orzamento de Foz e avisa de que no 2023 apenas haberá investimento propio do Concello porque só reserva para elo 335.000 euros.

"A aprobación do orzamento anual das institucións marca o que será o traballo de cada unha delas nos doce meses aos que se refiren as respectivas contas. No caso de Foz, á vista do proxecto de orzamentos para o 2023, está claro que non haberá practicamente investimentos propios e que o concello quedará a expensas do que fagan outras administracións", di o portavoz popular, Javier Castiñeira, que explica que “o grupo municipal do PP non pode apoiar os orzamentos que propón o equipo de goberno bipartito (PSOE e BNG)”, tanto polo seu contido como porque non tivo posibilidades de participar na súa confección. Sinala así que “non se nos chamou a unha xunta de voceiros para explicarnos estes orzamentos e cales son as súas liñas básicas; tivemos que sabelo pola convocatoria da comisión de pleno”.

Os populares non entenden “o desbaraxuste creado polo equipo de goberno, que hai poucos días presentou unha modificación, por un millón de euros, dos orzamentos do ano en curso e agora, quince días despois, presenta os do 2023”. Castiñeira declara: “Non podemos apoiar uns orzamentos que totalizan 9.768.000 euros, e dos que só se destina unha parte pírrica a investimentos reais, concretamente apenas 335.000 euros, é dicir, un 3,38% do total do orzamento, que son 120.000 euros menos que o ano pasado e moito menos do que se destinaba na lexislatura anterior”. Explica: “Iso significa que o equipo de goberno non ten pensado manter as nosas estradas ou facer arranxos importantes; que as infraestruturas e equipamentos quedarán anticuados e que imos depender única e exclusivamente  doutras administracións para que haxa investimento no noso concello”.

No PP destacan que “baixa o capítulo de festas, practicamente a metade do que orzamentaron o ano en curso: de 245.000 euros pasan a 120.000 euros”. Ademais “faltan cousas por incluír; non figura a compra dos terreos para ampliar o centro de saúde do concello de Foz, como pretende a Xunta de Galicia, e non sabemos que vai pasar coa residencia de anciáns a dous meses de que caduque o contrato coa empresa”.

Castiñeira sinala: “O goberno local non ten programa, porque tanto os do PSOE como o do BNG están sen cumprir practicamente na súa totalidade e estes orzamentos o que demostran e que non hai comunicación entre eles, non houbo proxecto e a xestión é practicamente nula”.