O PP logra o apoio da Deputación para reclamar unha resposta á ampliación do Museo Provincial do Mar

AMariñaXa
A iniciativa, impulsada polo Grupo Provincial Popular, insta ao goberno provincial a pronunciarse sobre a proposta do Concello de Cervo, mentres PSOE e BNG optaron pola abstención
PP-Museo-do-Mar-Cervo
30 Jun 2026

O Grupo Provincial do Partido Popular conseguiu sacar adiante no pleno da Deputación de Lugo unha iniciativa para reclamar que a institución provincial dea resposta á proposta formulada polo Concello de Cervo para ampliar o Museo Provincial do Mar, situado en San Cibrao. A moción foi aprobada coa abstención dos grupos do PSOE e do BNG.

Segundo explicou o viceportavoz popular, Demetrio Salgueiro, o Concello leva meses agardando unha contestación á súa oferta, despois de completar todos os trámites administrativos e urbanísticos necesarios e incorporar ao patrimonio municipal os terreos e o inmoble contiguo ao museo. A proposta municipal pasa por ceder gratuitamente estes espazos para que sexa a propia Deputación a encargada da ampliación e da futura xestión, do mesmo xeito que ocorre co actual centro museístico.

Salgueiro lembrou que o Concello respondeu así a unha reivindicación histórica de máis de dúas décadas, asumindo con fondos propios a adquisición da vivenda e da parcela anexa. Por iso, criticou que a Deputación non emitise aínda unha resposta oficial, malia que a ampliación foi defendida en distintas ocasións tanto polo PSOE como polo BNG.

O deputado popular asegurou que a actuación requiriría un investimento reducido, limitado principalmente ao acondicionamento interior do edificio adquirido. Ao seu xuízo, trataríase dunha oportunidade para impulsar unha infraestrutura cultural de referencia mediante un exemplo de colaboración entre administracións.

Na actualidade, explicou, o Museo Provincial do Mar atópase ao límite da súa capacidade, o que dificulta a catalogación de novas pezas e a incorporación de doazóns de particulares e colectivos. A ampliación permitiría crear salas para exposicións temporais, unha aula didáctica, espazos de investigación e zonas de almacenamento adaptadas á conservación dos fondos.

Salgueiro puxo tamén en valor o papel do museo como atractivo turístico da Mariña, lembrando que chegou a superar os 25.000 visitantes anuais e que figura entre os centros máis visitados da Rede Museística Provincial.

0.13549280166626