O PP insta ao Concello a solicitar subvencións autonómicas para adquirir o novo marcador electrónico do pavillón
O PP insta ao Goberno de Foz a solicitar subvencións da Xunta para adquirir o novo marcador electrónico do pavillón. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lembra que na pasada lexislatura, o Concello, mellorou o pavillón e cre que agora é necesario avanzar cambiando os marcadores.
Castiñeira explicou que, “tal e como quedaramos na última reunión que tivemos o grupo municipal do PP e os responsables do C.B. Celtas, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o xefe de Deportes, o grupo municipal popular pediu no pleno municipal, mediante un rogo, que o equipo de goberno solicite subvención autonómica para un novo marcador electrónico, en sintonía cos que hai xa colocados en diferentes pavillóns da comarca, que incluso permiten a reprodución de vídeos”. Queren que tal solicitude sexa formulada en canto a Xunta faga pública a convocatoria destas axudas para equipamentos deportivos.
Os populares cren que conseguir os novos marcadores “é interesante porque é un equipamento que modernizaría o noso pavillón e é pedido polo CB Celtas, que vén de recibir, hai poucos días, unhas canastras de minibasket a modo de subvención da Xunta”.