O PP insiste en esixir ao Goberno de Sanchez a convocatoria da mesa de Alcoa

AMariñaXa
Os populares agardan o apoio de PSOE e BNG no Pleno da Deputación para contribuir á viabilidade da planta
Demetrio-Salgueiro,-Dolo-García-e-Antonio-Ameijide-á-entrada-de-Alcoa
22 Nov 2024

O Partido Popular reivindica a implicación do Goberno de Sánchez para garantir a continuidade da actividade e dos empregos da factoría de Alcoa na Mariña e agarda que PSOE e BNG apoien no Pleno da Deputación de Lugo unha iniciativa para esixir ao Executivo estatal a convocatoria da mesa de seguimento do pacto e medidas de apoio que contribúan á viabilidade da planta. Así o trasladaron o portavoz, Antonio Ameijide, e o viceportavoz do Grupo Provincial Popular e alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, durante unha visita á planta.

Os deputados do PP xa levaron ao pleno do pasado mes de outubro esta iniciativa pola vía de urxencia, pero PSOE e BNG negáronse a debater a proposta “a pesar de ser coñecedores da situación de incerteza que sofren os traballadores” e de que “deixar pasar o tempo non xoga ao seu favor”.

Salgueiro explica que “o Ministerio está incumprindo unha parte do pacto que lle compete, como é a convocatoria da mesa de seguimento cunha periodicidade trimestral e que debería ter celebrado unha reunión antes de finais de setembro”. Dende o anterior Pleno da Deputación, pasou preto dun mes e o Ministerio segue sen convocar esa mesa de seguimento, que sería o escenario máis axeitado para abordar entre os representantes da empresa, dos traballadores, do Goberno e da Xunta a proposta de acordo de Alcoa cun socio inversor, Ignis, para a continuidade das operacións e que “está condicionado ao apoio do Goberno de España”.

A proposta que os populares rexistraron esta semana recolle esixir ao Goberno de España axudas públicas que garantan o investimento para a modernización da planta no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado; así coma o compromiso para a consignación dos 80 millóns de dólares  (74 millóns de euros) correspondentes ás compensacións da compra dos dereitos de emisión de CO2 indirecto e o aumento da dotación orzamentaria ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea para compensar os custos indirectos por CO2 da industria electrointensiva.

Salgueiro subliña que “a planta de Alcoa na Mariña, a única que produce aluminio primario en España e que foi declarada estratéxica durante a pandemia, merece o mesmo trato que outras empresas que obtiveron a mesma distinción por parte do Estado como Telefónica, Air Europa e, máis recentemente, Arcelor, entre outras, que si recibiron axudas públicas”.

AUTORIZACIÓN DOS PARQUES EÓLICOS: XUNTA SI, GOBERNO NON

Os populares tamén urxen ao Goberno de Sánchez a autorizar os parques eólicos vencellados á produción de enerxía para a factoría mariñá a prezos competitivos a través dos contratos PPA, toda vez que “o Goberno de España, único competente na materia, non foi capaz de abaratar o prezo da enerxía para as industrias electrointensivas e, polo tanto, non poden dispoñen das mesmas condicións que as súas competidoras europeas”.

Os deputados provinciais do PP lembran que “o pasotismo do Goberno de España que está a lastrar a competitividade da planta” contrasta co compromiso da Xunta de Galicia que “xa ten amosado o seu apoio” tendo xa autorizados os parques eólicos da súa competencia e a ampliación da balsa de lodos.

O PP logrou aprobar no Congreso -co voto en contra do PSOE e a favor do BNG, excepto no segundo punto que se abstivo- unha iniciativa que defendeu o deputado lucense e portavoz do Grupo Popular en materia de Industria, Francisco Conde, para instar ao Goberno de Sánchez a garantir a competitividade da planta de Alcoa na Mariña e a industria electrointensiva.

Concretamente, segundo explican os populares, o Congreso dos Deputados acordou instar ao Goberno de España a cumprir os seus propios prazos impostos no Real Decreto-ley 23/2020 no que se refire á tramitación de proxectos de xeración a partir de fontes renovables; e asumir as posibles responsabilidades patrimoniais para as empresas -non só enerxéticas, senón tamén industriais- que se viron gravemente prexudicadas ante os erros de incumprimento dos prazos fixados polo propio Goberno.

E tamén a modificar o Estatuto dos consumidores electrointensivos para asegurar que as industrias en España podan competir en igualdade de condiciones no mercado europeo, incrementando a dotación presupostaria para as axudas ao sector ata o límite do 25% dos ingresos de dereitos de emisión de CO2, conforme ao permitido pola Directiva Europea; e axilizar a tramitación e activación de poxas específicas de enerxía renovable para consumidores industriais intensivos en enerxía.

 

 

0.1624231338501