O PP propón que o Mirador de Mondoñedo acolla un Centro de Inmersión Lingüística
O Grupo Provincial do Partido Popular presentou unha emenda no Pleno da Deputación durante o debate da moción para converter o Mirador de Mondoñedo nun Centro de Inmersión Lingüística que, ao ser aceptada, promove un acordo para que a Deputación rehabilite o Mirador, protexa de xeito inmediato as obras de rehabilitación e mellora que se acometeron nel e que, ademais, se dote á cidade dun Centro de Inmersión Lingüística. Neste caso, mostráronse a favor tanto o BNG coma o propio Grupo Provincial Popular; mentres que o Goberno Provincial “se pon de perfil perdendo a ocasión, precisamente na súa condición de Goberno provincial, de amosar o seu compromiso coa posta en valor do Mirador”.
En concreto, os populares consideran que dado o estado de abandono no que se atopa actualmente o Mirador de Mondoñedo e a pesar de que se comezará a lousar o vindeiro 2 de xaneiro, o asentamento dun Centro de Inmersión Lingüística na cidade pode tardar anos. Por iso, quixeron abrir a oportunidade de que esta localidade poida contar cun Centro de Inmersión Lingüística xa noutra instalación, mentres o Mirador non reúne as condicións para o seu asentamento no edificio anteriormente hoteleiro.
Elena Candia amosouse crítica coa “incoherencia” do BNG xa que durante anos “limitáronse a tapiar soamente as fiestras do Mirador pese a que tiñan responsabilidades de Goberno e acórdanse na oposición”. “É agora, cando as contas da Deputación para o vindeiro ano, recollen dotación económica para o Mirador”, explicou Candia, quen lembrou que os orzamentos da Deputación se aproban “pola actitude construtiva do PP” para que haxa investimentos na provincia.
Os populares tamén consideran inexplicable a actitude do PSOE “ao absterse” nunha iniciativa que trae melloras para Mondoñedo. “Semella que é un asunto que non vai con eles, algo que non consideramos xusto dado a que gobernan a institución que é propietaria do edificio, ademais de tratarse dunha proposta impulsada polos veciños, e máis despois de abandonar durante anos o edificio que hoxe está totalmente desvalixado”.
Antecedentes
A voceira do Grupo Provincial do PP lembra que no ano 2007, o anterior presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, prometeu a rehabilitación do Mirador, nesta ocasión coa pretensión de dedicalo a prazas hoteleiras. No 2010, este compromiso do Goberno socialista de Deputación non se tiña feito realidade e dende o Grupo Provincial do Partido Popular pedían que se actuase neste edificio, en cuxas instalacións mesmo se atopaban animais mortos. E no 2011, o PSOE saca a subasta o edificio, un procedemento que queda deserto.
Tras unha iniciativa presentada polo Grupo Provincial do PP, aprobada por unanimidade en xaneiro do 2014, para poñer en valor os edificios abandonados da Deputación; o Goberno do PSOE na Deputación propón converter o Mirador nun albergue de peregrinos “unha proposta que atopou co rexeitamento dos veciños”.
A proposta de dotar a Mondoñedo dun Centro de Inmersión Lingüística “nace dos veciños, tal e como nolo trasladaron nos encontros de participación cidadá”, indica a voceira do Grupo Provincial Popular e alcaldesa da cidade.