O PP esixe al alcalde de Trabada explicacións sobre a desaparición do espazo para centro de día na residencia

Os concelleiros do PP de Trabada esixen ao alcalde, Rubén García, que explique publicamente “se está a favor de que desapareza o espazo reservado para o centro de día e por tanto, nunca abra, ou, pola contra, se defende este servizo para toda a veciñanza”.
O voceiro popular, José María Fernández, sinala que o alcalde “debe dar un pronunciamento público” porque “todos os veciños levamos anos esperando a que se poña en servizo este centro de día que, todo indica, nunca veremos abrir”.
José María Fernández recorda que “o centro de día non é un acordo con ningún partido político, é froito dun convenio entre a Deputación e todos os veciños de Trabada que vemos como PSOE e BNG dende a Deputación non se preocupan por cumprir a palabra dada”.
Neste senso, o voceiro popular esixe ao alcalde que “diga se está cos veciños de Trabada e defende que non desapareza o centro de día ou, pola contra, se está posicionando co seu partido e vai aceptar esta desaparición aínda que sexa un prexuízo para todos os veciños”.
José María Fernández tamén aproveita para destacar que “Rubén García nada dixo da brutal suba que PSOE e BNG impuxeron a todos os usuarios das residencias provinciais, Trabada incluída, con subas na cota que pagan de ata o 60%”.
Neste senso, José María Fernández sinala que “temos constancia de usuarios aos que lles suben a cota, dun mes a outro, en máis de 500€ e non vemos ao alcalde defender aos nosos veciños”.
O voceiro popular en Trabada lamenta que “PSOE e BNG impoñen unha suba brutal nas taxas que pagan os usuarios da rede provincial de residencias”, un aumento que “aprobaron en xunta de goberno para evitar o debate político e que os usuarios e as familias poidan organizarse e protestar de forma conxunta”.
As novas taxas para os usuarios das residencias da rede provincial supón que o recibo mensual vai pasar, nalgunhas tarifas, dos 1.390€ aos 2.200€ no caso dos dependentes, e dos 1.080€ aos 1.750€ no caso dos non dependentes.