O PP denuncia que o Goberno confirma a perda dunha praza en Correos en Alfoz e O Valadouro

AMariñaXa
Balseiro alerta de que o servizo queda con dous carteiros pola mañá para atender todas as parroquias tras unha baixa sen cubrir
VALADOURO-Correos-2025
27 Feb 2026

O senador do PP pola provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, asegura que o Goberno do Estado confirmou a redución de persoal no servizo de Correos que atende aos municipios de Alfoz e O Valadouro. Segundo explica, a resposta oficial remitida á Cámara Alta recoñece a supresión dunha praza na quenda de mañá, unha decisión que, ao seu xuízo, agrava a situación do reparto postal na zona.

A iniciativa partiu dos senadores populares lucenses a petición do alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, ante a preocupación existente pola diminución de efectivos e polas queixas veciñais relacionadas con atrasos e dificultades na distribución da correspondencia.

Balseiro sinala que, ata o ano 2024, a oficina contaba con catro traballadores na quenda matinal. A partir de 2025, esa cifra reduciuse a tres tras a extinción dunha praza. Ademais, na actualidade existe unha baixa sen cubrir, polo que o servizo queda con dous carteiros para asumir o reparto en todas as parroquias de ambos concellos.

O senador popular critica que esta situación provoque “deficiencias no funcionamento” dun servizo que depende do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, advertindo de que a falta de persoal deriva na sobrecarga das oficinas e prexudica especialmente ás zonas rurais, onde a dispersión poboacional dificulta aínda máis o traballo diario.

Pola súa banda, o alcalde do Valadouro lembra que no pasado mes de decembro tampouco se cubriron vacantes derivadas dunha xubilación nin ausencias temporais no persoal de reparto. Aínda que recoñece o esforzo dos traballadores en activo, considera que resulta complexo garantir a atención en todos os núcleos, desde Vilacampa ata O Cadramón, O Pereiro ou As Oiras, coa dotación actual.

Desde o Partido Popular subliñan tamén o papel esencial dos carteiros, especialmente no rural, onde suplen a desaparición doutros servizos básicos. A través de Correos, recordan, pódense realizar xestións como o pago de recibos, o abono de tributos ou o rexistro de documentación e paquetería.

Os populares reclaman ao Executivo central que adopte medidas urxentes para reforzar o persoal e garantir un servizo postal “digno e de calidade” para os veciños de Alfoz e O Valadouro.

0.08604097366333