O PP denuncia a necesidade de rozar as marxes das estradas provinciais ao seu paso por Trabada
A piques de rematar o mes de agosto, a Deputación de Lugo aínda non completou os traballos de desbroce nas estradas provinciais de Trabada, unha situación que o Partido Popular considera como un exemplo da "deficiente xestión" do goberno provincial liderado polo PSOE e o BNG. Esta falta de mantemento non só ofrece unha mala imaxe do concello, senón que tamén pon en risco a seguridade dos usuarios destas vías.
Os deputados populares Antonio Ameijide e José María Fernández, tamén voceiro do PP en Trabada, percorreron recentemente varias destas estradas, como a LU-P-6102, LU-P-6103 e a LU-P-6104, onde comprobaron a falta de desbroce. Ambos coinciden en que esta situación transmite "unha imaxe de abandono", mentres acusan ao goberno provincial de desinteresarse pola problemática.
Segundo os populares, a maleza que invade as cunetas e chega á calzada dificulta a visibilidade e incrementa o risco de accidentes, especialmente nas zonas con maior volume de tráfico, como as que se atopan preto das zonas de actividade agrícola en Trabada. Critican tamén que, aínda que a maioría das estradas permanecen sen limpar, uns días antes das festas locais si que se desbrozaron uns 300 metros na entrada do municipio, o que consideran un intento de maquillar a situación.
Ademais de reclamar a limpeza das estradas, o PP insta á Deputación a realizar traballos de reasfaltado e repintado, xa que en moitos puntos "non se ven nin os carrís de circulación", o que supón un perigo engadido nunha zona con frecuentes episodios de néboa.
Os populares tamén sinalan que esta situación prexudica a imaxe da provincia de Lugo, especialmente no ámbito turístico, onde destacan os esforzos realizados polo sector privado, a Xunta de Galicia e algúns Concellos para ofrecer servizos de calidade. Segundo conclúen, o goberno provincial non está contribuíndo a mellorar esta imaxe nin a consolidar o sector turístico na rexión.