O PP denuncia a falta de datas para iniciar as obras no cuartel da Garda Civil do Valadouro

O senador mariñán José Manuel Balseiro lamenta que “o Goberno de Sánchez continúe sen ofrecer unha data concreta” para o inicio das obras de reparación e rehabilitación no cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro. Así o afirma tras recibir resposta ás cuestións formuladas polos representantes lucenses no Senado, a petición do alcalde do municipio, José Manuel Lamela.
Segundo explica Balseiro, o Executivo estatal admite que ten previsto un investimento de 190.000 euros destinado á reparación do patio interior e á mellora dos accesos aos edificios. Con todo, asegura que “non aclaran cando se levarán a cabo estas actuacións”, xa que a súa execución depende aínda da asignación orzamentaria correspondente. “Pedimos datas e non as dan. Por iso volveremos presentar outra pregunta formal para que adquiran un compromiso claro”, adianta.
O senador popular insiste na necesidade de acometer con urxencia estas melloras, pois considera que as instalacións “non presentan as condicións adecuadas nin para prestar servizo nin, moito menos, para vivir nelas”. De feito, lembra que a falta de acondicionamento levou a que varios axentes solicitasen traslado, quedando actualmente operativo no municipio un sarxento e un garda.
Balseiro explica ademais que xa transcorreron oito meses desde que o Goberno central se comprometera por escrito a realizar estas actuacións, en resposta ás preguntas dos senadores lucenses do Partido Popular, “sen que desde entón se teña coñecido ningún avance”.
O parlamentario advertiu tamén que o Executivo estatal “está a ignorar a demanda unánime da corporación municipal do Valadouro”, aprobada en pleno, na que se reclamaban actuacións de illamento térmico, pintado e redistribución de espazos co obxectivo de mellorar a comodidade e funcionalidade do cuartel.