O PP demanda que o Goberno central tome con urxencia medidas para garantir a viabilidade de Alcoa
O Grupo Provincial Popular defenderá no pleno de mañá unha moción de urxencia para que o Goberno central tome de inmediato medidas concretas para garantir a viabilidade de Alcoa: “Non valoramos outro escenario que a unanimidade do pleno xa que é un problema que nos afecta a toda a provincia, non só á Mariña”, sinalaron.
Para os deputados urxe que o Ministerio de Industria e Turismo convoque a mesa de seguimento de Alcoa San Cibrao así como a autorización dos parques eólicos vencellados á produción de enerxía para a factoría mariñá a prezos competitivos. No Grupo Provincial Popular tamén ven necesario que o Goberno do Estado consigne os 74 millóns de euros correspondentes ás compensacións da compra dos dereitos de emisión de CO2 indirecto que non percibiu entre os anos 2018 e 2021 e o aumento da dotación orzamentaria ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea para compensar os custos indirectos por CO2 da industria electrointensiva.