O PP defende manter as urxencias sanitarias xunto ao Hospital da Mariña

O Partido Popular de Foz defenderá no pleno municipal o mantemento do actual modelo de atención urxente e votará en contra da proposta para crear un PAC no municipio. A formación considera que a organización sanitaria vixente ofrece unha asistencia máis completa ao situar as urxencias no PAC de Burela, ao carón do Hospital da Mariña.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, sostén que este sistema permite unha resposta máis segura para os pacientes ao facilitar o acceso inmediato a probas complementarias, como radiografías ou análises de laboratorio, ademais da posibilidade de ingreso hospitalario directo cando sexa preciso.
Castiñeira lembra tamén que Foz dispón de atención sanitaria no centro de saúde de luns a venres en horario de mañá e tarde, así como os sábados pola mañá. A isto engade a presenza dunha ambulancia medicalizada con base no municipio, que, segundo sinala, contribúe a reforzar a cobertura asistencial da veciñanza.
Para o PP, a creación dun PAC en Foz podería obrigar en determinados casos a realizar un dobre desprazamento, primeiro ao propio municipio e despois ao Hospital da Mariña se fosen necesarias probas, valoración especializada ou ingreso. Nese sentido, Castiñeira defende que o modelo actual evita pasos intermedios nos casos máis graves.
O portavoz popular subliña que esta organización resulta especialmente útil para as persoas maiores, os pacientes máis vulnerables e a veciñanza das parroquias, ao permitir unha atención vinculada directamente ao hospital de referencia.
O Partido Popular considera que a prioridade debe ser garantir a seguridade dos pacientes e manter unha asistencia con acceso aos maiores recursos sanitarios posibles. Por este motivo, a formación reitera que votará en contra da iniciativa no pleno e aposta por conservar o sistema actual de atención urxente.