O PP de Viveiro propón investir na rede de auga de Galdo, Landrove e Magazos

AMariñaXa
O PP tamén critica a falta de avances para resolver a situación da Policía Local, que leva seis meses sen efectivos por baixas médicas
Obras-rede-abastecemento-Viveiro
27 Aug 2024

O Partido Popular de Viveiro cualifica como "urxente e necesario" resolver os problemas na rede de abastecemento de auga que afectan ás parroquias de Galdo, Landrove e Magazos. Ante esta situación, os populares suxiren que o Goberno municipal destine os fondos non executados do orzamento de 2024, inicialmente reservados para a Policía Local, á mellora da infraestrutura de abastecemento nestas zonas.

Os concelleiros do PP destacan a gravidade da situación, lembrando que o pasado mes xa advertiran sobre os "continuos cortes de auga sen aviso previo", que teñen causado importantes molestias aos veciños. Estes cortes afectan a actividades cotiás como o aseo persoal, a limpeza dos fogares e negocios, e incluso ao coidado de animais e hortas. "É obriga do goberno local valorar e cubrir na medida do posible as necesidades básicas dos cidadáns, garantindo servizos fundamentais como o da auga", sinalan os edís do PP.

O PP tamén critica a falta de avances para resolver a situación da Policía Local, que leva seis meses sen efectivos por baixas médicas. Consideran que os fondos orzamentados para este servizo, ao non ser utilizados, poderían redistribuírse para cubrir outras necesidades, como a mellora do subministro de auga, un ben básico e competencia municipal. Con esta proposta, os populares instan ao goberno bipartito de Viveiro a priorizar a resolución dos problemas de abastecemento e garantir o acceso á auga potable para todos os veciños das parroquias afectadas.

0.069595098495483