O PP de Viveiro insta á Deputación a financiar o Conservatorio Municipal

AMariñaXa
Os populares piden que se inclúa nos orzamentos para o 2025 a cantidade de 1,65 millóns de euros con ese fin
Conservatorio-Viveiro
20 Nov 2024

Os concelleiros do PP de Viveiro instarán ao bipartito PSOE-BNG no vindeiro Pleno a esixir á Deputación de Lugo que inclúa nos seus orzamentos para o 2025 a cantidade de 1,65 millóns de euros, correspondentes ás anualidades de 2023, 2024 e 2025, para o financiamento do Conservatorio Municipal, “como recollía un punto do acordo entre PSOE e XViveiro para a investidura da señora Loureiro como alcaldesa. Só deste xeito se garante o seu cumprimento”, subliña a portavoz, Mariña Gueimunde.

“O 7 de xullo do 2023, coñeciamos o acordo que lle daría a alcaldía á señora Loureiro e a tenencia da alcaldía á señora Bermúdez; xa que Bernardo Fraga, portavoz de XViveiro, facía públicos os 15 puntos que lle empuxaron a apoiar a investidura”. O primeiro deles era unha subvención anual que alcanzara o 50% do custe do Conservatorio Municipal por parte da Deputación de Lugo”, traslada.

Sinala que a razón de 0,55 millóns de euros que supón o 50 % do seu funcionamento cada ano, “a Deputación Provincial de Lugo débelle a Viveiro 1,1 millóns de euros dos exercicios 2023 e 2024”, incide a popular. Pero, a esta cantidade hai que sumar a partida correspondente ao vindeiro ano 2025 doutros 0,55 millóns de euros polo que o goberno provincial debe habilitar un total de 1,65 millóns de euros.

ARQUITECTURA, HISTORIA E MÚSICA

Desde o PP de Viveiro consideran que o Conservatorio de Viveiro é un dos edificios históricos máis representativos da arquitectura de primeiros de século na cidade. A súa construción data de 1911 e o seu estilo ecléctico, xunto ao xa desaparecido Casino de Viveiro, formaban un conxunto harmónico e inigualable que achegaba dinamismo, categoría e señorío á fachada marítima da nosa cidade.

Antigamente sede do elegante Hotel 'Villa Venecia', un dos primeiros establecementos hostaleiros no noso concello, e hoxe convertido en Conservatorio Profesional,  é  o epicentro da música en Viveiro e berce de músicos e profesionais da comarca da mariña e Ortegal.

As súas actividades formativas sinálanlle como o máis destacado centro cultural,  expositivo e de promoción de mozos e non tan novos talentos que teñen neste espazo a oportunidade de exhibir as súas aptitudes  e establecer vínculos sociais e aprendizaxes musicais que os forxarán como profesionais do mañá. Destaca, ademais, a súa disposición e colaboración con actos, festas e efemérides do concello, “moi de agradecer como viveirenses”, segundo destacan os populares.  A relevancia que ten para o Concello este servizo municipal, ofrecido por persoal municipal, “só queda empanado polo gran custo que supón mantelo: en torno a 1,1 millóns de euros anuais”.

“Ademais, presenta deficiencias propias do uso e do paso do tempo que habería que valorar e corrixir, tanto no interior como na fachada e os balcóns do inmoble, ademais de proceder á insonorización das aulas e a modernización do mobiliario”, trasladan.

 

0.17141604423523