O PP de Viveiro insta a amañar as estradas municipais

AMariñaXa
O PP de Viveiro insta a Loureiro a adoptar as medidas precisas para amañar as estradas municipais e lograr que a Deputación mellore as súas.
19 jul 2022

O PP de Viveiro insta a Loureiro a adoptar as medidas precisas para amañar as estradas municipais e lograr que a Deputación mellore as súas.

"Non se pode pretender fixar poboación no rural se non se facilitan infraestruturas en boas condicións. E se algunhas infraestruturas son fundamentais son as estradas. No caso das parroquias de Viveiro, tanto as vías municipais como as provinciais están moi deterioradas. Por un lado, os pavimentos están cheos de fochancas e, por outro, está sen facer a roza das beiras. Os veciños dan a coñecer estes problemas ao grupo provincial do PP, para que reclamen do goberno local que adopte as medidas oportunas", din os populares viveirenses.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que o Concello ten un dobre papel no tema das estradas. Por un lado, "adoptar as medidas precisas para que a rede propiamente municipal sexa convenientemente mellorada. Por outro lado, os populares instan á alcaldesa, María Loureiro, a conseguir que a Deputación faga as moitas melloras necesarias nas estradas provinciais".

"Como exemplo do grave inconveniente aos que se enfrontan os veciños debido ao mal estado das vías",  di o popular Óscar Rodríguez que ademais cita a parroquia de San Andrés de Boimente. “Pero temos queixas que proceden de practicamente todas as parroquias do municipio; por citar só algúns casos, de Valcarría, San Pedro e Chavín”.

Rodríguez di: “Non é tolerable esta falta de xestión por parte da alcaldesa. É hora de que faga algo. Os veciños do rural teñen o mesmo dereito que os da zona urbana a transitar por vías que estean en boas condicións. Ademais, a maleza nas beiras das estradas reduce a visibilidade e provoca situacións de risco para o tráfico rodado e peonil. É hora de que María Loureiro se poña a traballar”.