O PP de Viveiro defende os orzamentos da Xunta co Concello

TerraChaXa | AMariñaXa
O voceiro do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, destacou que “os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio teñen en conta as necesidades de Viveiro” e “recollen máis de 7,9 millóns de euros en investimentos”.
28 Dec 2020

O voceiro do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, destacou que “os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio teñen en conta as necesidades de Viveiro” e “recollen máis de 7,9 millóns de euros en investimentos”. O popular subliñou tamén durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado polos concelleiros do Grupo Municipal Popular que “os orzamentos para o vindeiro exercicio dirixidos a Viveiro medran en preto dun 20% con respecto aos do ano 2020”. Tamén participaron os deputados mariñáns, Elena Candia -presidenta do PP da provincia de Lugo- e José Manuel Balseiro, xunto a Javier Arias e o deputado nacional e vicesecretario de participación do PP, Jaime De Olano.

Rodríguez quixo poñer en valor os investimentos que recollen os Orzamentos do goberno autonómico que preside Feijóo que dan resposta ás peticións que lle ten trasladado o Grupo Municipal Popular. Rodríguez subliña o traballo construtivo do Grupo Popular en beneficio dos viveirenses e critica “a falta de capacidade de negociación da alcaldesa socialista” como demostran “os seus continuos reproches á Xunta cando se aborda calquera tema de interese para Viveiro”.

O voceiro do PP explica, por exemplo, que “a Xunta destinará preto de 2,8 millóns de euros ao saneamento de Celeiro e a mellora da EDAR de Viveiro e outros preto de 2,6 millóns para mellorar a liña de tratamento da EDAR de Viveiro”. Son preto de 5,4 millóns de euros en total por actuacións de mellora no ámbito do saneamento e tratamento de augas residuais “que son de competencia municipal e polas que o goberno municipal non se preocupou dende fai anos”.

Rodríguez engade que “a Xunta cumpre co seu compromiso co barrio da Xunqueira e ao longo do vindeiro ano acometerá traballos de minimización do risco de inundacións cun orzamento de 250.000 euros”.

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, contempla a mellora da nave de arrastre por un importe de 120.000 euros e a instalación dun novo pantalán para embarcacións menores dotado dun investimento de 300.000 euros. En relación ao medio rural, a Xunta achegará máis de 800.000 euros en axudas para a prevención de incendios, plans forestais, actuacións e loita contra pragas, traballos no monte e mellora de infraestruturas rurais. E de cara á potenciación e recuperación de edificacións e cascos históricos, dentro do Plan Rexurbe, reserva algo máis de 300.000 euros para o noso municipio.

Gastos extraordinarios derivados da covid-19

O Goberno autonómico dirixirá 250.000 euros no vindeiro ano para mellorar a eficiencia enerxética nas aulas do IES María Sarmiento; pero, ademais, “os orzamentos recollen unha partida de 114.000 euros para gastos extraordinarios nos centros educativos do municipio derivados da covid-19.

Así mesmo, tamén a Consellería de Política Social destina preto de 400.000 euros para adecuación de centros de inclusión social e para afrontar gastos extraordinarios derivados da covid-19.

Outros investimentos

A Xunta de Galicia dirixe outros recursos á mellora das comunicacións da zona.  O Executivo galego seguirá avanzando na execución da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte que pasa polo municipio viveirense e mellorando as estradas autonómicas AC-862, AC-556 e LU-540, coñecida como a estrada da Gañidoira, onde se actuará na mellora do trazado que permitirá incrementar a seguridade viaria.

Con respecto a LU-540 hai que sinalar que se está ultimando o proxecto técnico e que a Xunta traballa co obxectivo de sometelo a información pública na próxima primavera. Préstase especial atención a actuación a levar a cabo na zona de Landrove, onde se atopan as curvas máis difíciles e na que a intervención será máis ambiciosa.

Os Orzamentos da Xunta para o 2021 tamén recollen 2,2 millóns para garantir a operatividade do Servizo de Gardacostas de Galicia que opera dende Celeiro.

Elena Candia puxo en valor que Lugo volve a ser a provincia galega co maior investimento da Xunta de Galicia por habitante, ao destinar 4.704 euros a cada lucense. Ademais, a achega que fará a Xunta de Galicia en 2021 á provincia convértea na administración que máis inviste no noso territorio. “Son uns orzamentos realistas, que se centran nas persoas, que non soben impostos e prestan unha especial atención á pandemia e á reactivación económica”, subliñou.

Javier Arias destacou que “os orzamentos da Xunta de Galicia para a provincia de Lugo, os máis altos da historia, medran en 143 millóns de euros para dar unha resposta extraordinaria a unha situación excepcional”. Isto significa que “catro de cada cinco euros destínanse a gasto social, emprego e reactivación económica, ademais de incidir na súa aposta constante polo equilibrio territorial”, apuntou. En definitiva, Arias Fouz fixo fincapé en que “están concibidos para blindar, dunha banda a sanidade pública e os servizos sociais, e doutra, os sectores produtivos e o emprego”.

0.1872181892395