O PP de Trabada denuncia unha subida do IBI e reclama explicacións ao goberno local

O PP de Trabada denuncia o aumento dos recibos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e reclama ao goberno local que explique os motivos da suba e o destino dos cartos recadados. A formación trasladou esta crítica a raíz da chegada aos fogares dos recibos da coñecida como Contribución, que, segundo sinala, reflicten un incremento importante.
Os populares consideran que esta subida se suma ás xa aplicadas nas taxas da auga e do lixo, o que, ao seu xuízo, está a encarecer o mantemento das vivendas e a dificultar que as familias cheguen a fin de mes.
Desde o PP local cuestionan que a veciñanza teña que asumir un esforzo económico cada vez maior sen recibir explicacións claras sobre a xestión dos recursos públicos. Por iso, preguntan a que se están destinando os ingresos municipais e que melloras ou servizos obtén a cidadanía a cambio do aumento dos impostos.
A formación reclama transparencia e unha administración responsable dos fondos públicos. Neste sentido, esixe ao alcalde e ao seu equipo de goberno que dean explicacións sobre as subas dos recibos e sobre os investimentos que se están a realizar cos cartos achegados polos contribuíntes.
"Os veciños non son un caixeiro automático", afirma o PP de Trabada, que defende unha xestión municipal centrada nas persoas e que evite trasladar continuamente novas cargas económicas á veciñanza.