O PP de Trabada critica o atraso nos desbroces e reclama unha mellor planificación

AMariñaXa
Os populares consideran que aínda hai áreas de descanso e espazos públicos sen acondicionar e piden que estas actuacións se executen con máis previsión
Trabada-2026-area-sen-debrozas-xullo
21 Jul 2026

O Partido Popular de Trabada criticou a xestión do Goberno local en materia de mantemento dos espazos públicos e asegurou que, chegados a mediados de xullo, aínda existen áreas de descanso e outras zonas municipais nas que non se completaron os traballos de roza e limpeza.

Desde a formación popular sosteñen que as tarefas de desbroce deberían terse realizado con anterioridade para garantir un mellor estado dos espazos de uso público durante os primeiros meses do verán. Ao seu xuízo, os traballos que se están levando a cabo nos últimos días transmiten unha sensación de improvisación e de falta de planificación.

Os populares consideran que estas actuacións responden a unha intervención de última hora, cando, segundo indican, o mantemento do municipio require dunha programación estable e dun calendario de actuacións que permita manter en boas condicións as infraestruturas e zonas verdes ao longo do ano.

Neste sentido, defenden que a veciñanza demanda unha xestión baseada na previsión e na organización, co obxectivo de ofrecer uns servizos públicos acordes ás necesidades do municipio. Ademais, sinalan que máis aló da difusión da actividade institucional, o prioritario é que os traballos estean executados no momento adecuado.

O PP de Trabada conclúe reclamando ao executivo municipal unha maior planificación das tarefas de conservación para evitar que este tipo de actuacións se concentren cando a tempada estival xa está avanzada.

0.11854791641235