O PP de Trabada alerta sobre deficiencias na residencia de maiores e pide máis transparencia na súa xestión

O deputado provincial e voceiro do PP en Trabada, José María Fernández, volveu poñer sobre a mesa as preocupacións do seu grupo respecto á situación da residencia de maiores do municipio, dependente da Deputación de Lugo. “Levamos tempo advertindo do malestar das familias dos residentes, e agora demóstrase que tiñamos razón”, afirmou.
O Grupo Provincial Popular solicitará a próxima semana acceso ao libro de reclamacións do centro, que só foi posto a disposición “este venres á última hora”, tras múltiples solicitudes. Así mesmo, avanzan que pedirán autorización para visitar as instalacións, co obxectivo de coñecer de primeira man a realidade do día a día e manter conversas co persoal, usuarios e familiares.
Dende o PP denuncian que tanto a Deputación como o Concello de Trabada “levaron meses facendo ouvidos xordos ante esta situación” e instan a que se garanta o cumprimento do prego de condicións da licitación e do convenio colectivo das traballadoras do centro.
“É necesario abrir as portas á transparencia e deixar de ocultar unha realidade que cada vez é máis evidente”, asegurou Fernández, quen tamén acusou ao goberno provincial de PSOE e BNG de mentir no Pleno da Deputación. Segundo explica, o deputado Pablo Rivera “intentou tapar o tema cando se lle preguntou directamente este martes”.
Fernández tamén lembra que o seu grupo trasladou esta problemática aos Plenos municipais, onde —asegura— non foron tomados en serio. “O alcalde limitouse a acusarnos de mentir, no canto de investigar a fondo as deficiencias e buscar solucións”, criticou.
O voceiro popular concluíu reclamando unha mellora inmediata da xestión da empresa concesionaria: “Non se pode seguir mirando para outro lado mentres se deteriora un servizo tan esencial para as nosas persoas maiores”.