O PP de Trabada alerta dun “colapso financeiro” tras o informe do Consello de Contas

AMariñaXa
Os populares acusan ao goberno local de mala xestión e advirten de riscos para os servizos municipais
Jose-Maria-Fernandez---portavoz-PP-Trabada-2
5 May 2026

O grupo municipal do Partido Popular de Trabada expresou a súa “profunda preocupación” despois de coñecerse os últimos datos económicos recollidos polo Consello de Contas, nos que se analiza a situación financeira das administracións locais. Segundo os populares, o informe vén a confirmar unha realidade que, aseguran, levan tempo denunciando: que o Concello atravesa unha etapa de grave deterioro económico.

O voceiro do PP no municipio, José María Fernández, cualificou de “crítica” a situación actual das contas municipais e lamentou que o concello chegase a este punto. Sinala que o documento do órgano fiscalizador recolle que os ingresos correntes non permiten cubrir nin os gastos ordinarios nin o pagamento da débeda existente, o que, ao seu xuízo, evidencia unha falta total de equilibrio orzamentario.

Fernández advertiu de que esta situación de tensión financeira está a derivar nun escenario de escasa solvencia e practicamente sen capacidade de resposta. Segundo explicou, o Concello veríase sen marxe para afrontar pagos inmediatos nin tampouco para abordar investimentos considerados necesarios para o funcionamento e desenvolvemento do municipio.

O portavoz popular responsabiliza directamente ao alcalde, Rubén García, desta situación, ao considerar que a xestión realizada nos últimos anos priorizou o gasto sen planificación suficiente nin control económico. Na súa opinión, esta forma de gobernar levou a que o Concello chegue a unha situación na que, segundo indica, “non hai recursos nin sequera para o día a día”.

Desde o PP de Trabada tamén se alerta das posibles consecuencias que esta realidade podería ter para a veciñanza, xa que podería comprometer a prestación de servizos municipais e dificultar a execución de investimentos básicos para o municipio.

Por todo isto, José María Fernández reclamou explicacións inmediatas e transparencia por parte do equipo de goberno local. Subliñou que os datos do Consello de Contas, ao seu entender, non deixan lugar a interpretacións e reflicten unha situación límite nas finanzas municipais. Os populares insisten en que Trabada precisa unha xestión baseada na responsabilidade, na planificación e no control dos recursos públicos, fronte ao que consideran unha etapa de improvisación.

0.13706398010254