O PP de Trabada acusa ao goberno local de perder axudas de emprego e denuncia “parálise”

AMariñaXa
Os populares denuncian que o Concello non concorreu ás axudas do Aprol Rural nin pediu novos obradoiros de emprego, perdendo oportunidades laborais para a veciñanza
PP-trabada-pleno-marzo-2024
29 Apr 2026

Os concelleiros do Partido Popular de Trabada acusaron ao goberno municipal de “desidia e falta de compromiso” coas políticas de fomento do emprego, tras comprobar que o Concello non se presentou ás convocatorias do programa Aprol Rural nin solicitou a posta en marcha de novos obradoiros formativos.

O voceiro popular, José María Fernández, cualificou a decisión do executivo local como unha “irresponsabilidade máxima”, ao entender que existen ferramentas financiadas pola Xunta destinadas a favorecer a inserción laboral e a formación de persoas desempregadas que, segundo sinala, non están a ser aproveitadas. “Optan pola estratexia de brazos caídos”, afirmou.

Desde o PP consideran que esta situación supón unha oportunidade perdida para os veciños sen emprego, que poderían acceder a contratos laborais ou formación remunerada. Ademais, critican que o emprego non figure entre as prioridades do alcalde.

Fernández tamén destacou a importancia destas liñas de axuda, especialmente o Aprol Rural, que permite contratar persoal para tarefas como prevención de incendios ou mantemento de espazos públicos, e os obradoiros de emprego, que ofrecen certificados de profesionalidade.

O edil popular concluíu esixindo explicacións públicas ao rexedor e reclamando unha maior implicación na captación de fondos. “Non solicitar estas axudas é unha mostra de falta de proxecto e de ideas”, engadiu.

0.11829519271851