O PP de Ribadeo pregunta polas obras do hangar de piragüismo

AMariñaXa
O PP de Ribadeo pregunta polas obras do hangar de piragüismo ao que o Concello resposta que formalizará en breves o contrato
Mal estado local club piragüismo ribadeo 2)
15 Feb 2023

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo pedirá explicacións ao goberno local do BNG no vindeiro Pleno sobre "as promesas incumpridas en materia de deportes". Nese sentido, os populares queren saber cando "teñen pensado investir no deporte e acometer as actuacións prometidas no local que emprega o club de piragüismo, no campo de Oteiro na Devesa e no polideportivo da rúa Alfredo Deaño".

O coordinador de deportes do PP ribadense, Tito Suárez, sinala que “falabamos das promesas incumpridas deste goberno do BNG en relación ao campo de fútbol de Oteiro; pero non se quedan só aí. Prometeron investir no local que emprega o club de piragüismo, pero é outra promesa incumprida. Nin trazas nin intención de dar cumprimento a eses traballos. Prometen, prometen; pero ao final non fan nada. Todo queda niso: promesas”.

O popular pregunta, nese sentido, “por que o goberno do BNG non deixa que as propias entidades deportivas cubran as súas necesidades cando piden axudas a outra administración. Este goberno do BNG é coma o can do Hortelano, nin come nin deixa comer. Iso si: son rencorosos e malintencionados con aqueles que non lles bailan as gracias. Para iso si que están rápidos”.

Por outra banda, o Concello comunicou que formalizará a vindeira semana o contrato para a realización do acondicionamento do hangar de piragüismo.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, asegura que “desde o día 26 de xaneiro figura na Plataforma de Contratos do Sector Público, que é pública para todo o mundo, a proposta de adxudicación, logo do necesario proxecto de licitación pública”.

0.16209101676941