O PP de Ribadeo denuncia o abandono da área recreativa de Santa Cruz
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Elena Sierra, subliña que “o abandono da área recreativa de Santa Cruz é un novo exemplo da falta de mantemento, limpeza e conservación por parte do goberno local do BNG tanto en xardíns, parques coma zonas recreativas”.
“Santa Cruz conta cun dos miradores máis fermosos de Ribadeo” e, polo tanto, “é unha zona moi visitada”. É por iso polo que a popular critica especialmente o estado desta área onde actualmente hai zonas que non se poden utilizar porque a herba está sen cortar ou porque hai elementos que poden supoñer un risco para os visitantes. Sierra engade que “mentres noutros concellos atenden e incluso lle sacan partido aos seus xardíns e zonas verdes; o goberno ribadense do BNG demostra que non lle interesan”.
Neste sentido, o Grupo Municipal Popular ribadense instará no vindeiro pleno ao goberno local “a traballar dunha vez por todas nunha programación de limpeza”. Os populares presentarán unha iniciativa ao considerar que “a programación de limpeza en Ribadeo é inexistente ata o día de hoxe”. De feito, no pleno anterior tamén se interesaron por coñecer o protocolo que segue o goberno local para actuar na desinfección de zonas públicas como medida preventiva fronte á covid-19; pero, “lamentablemente, non obtivemos unha resposta concreta porque non existe un protocolo serio a seguir”.
Sierra asegura que “o Grupo Municipal do PP nunca se oporá a realizar novas obras no noso municipio, senón todo o contrario”. Pero, segundo advirte, “si criticaremos que se malgaste o diñeiro de tódolos ribadenses pola falta de mantemento e, polo tanto, pola falta de traballo do equipo de goberno como pasou coa renovación do parque dos Indianos”.