O PP de Ourol pide unha fronte común para pedir atención ao polígono e reparación de estradas
O PP ofrece ao alcalde de Ourol constituír unha fronte común para reclamar da Deputación que promocione o abandonado polígono industrial e roce e repare as estradas do municipio.
Segundo explican os populares, no Concello de Ourol as vías que dependen do organismo provincial aínda están sen rozar; "a maiores, algunhas delas teñen o firme desfeito".
Engaden tamén que o polígono industrial non conta con empresas e está cuberto polas silvas. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, e o voceiro municipal dos populares, José Hermida, reclaman do goberno provincial que adopte as medidas necesarias para amañar as estradas e promocionar o polígono. Hermida ofrece ao alcalde crear unha fronte común para conseguir que a Deputación atenda as necesidades dos veciños de Ourol.
Javier Castiñeira sinala: “Nas visitas que está a facer o grupo do PP na Deputación por toda a provincia, acercámonos a Ourol e estivemos no seu polígono industrial, que é da Deputación de Lugo. Dá pena velo, sen manter, sen rozar (como moito do patrimonio que ten a Deputación de Lugo) e sen estar posto en valor. O grupo provincial do PP levará algunha iniciativa ao pleno para darlle actividade e poñelo en valor, porque é necesario para os veciños desta localidade”.
O portavoz provincial do PP di: “Tamén na nosa visita ao Concello de Ourol, ademais de apreciar o mal estado de mantemento do polígono industrial, comprobamos as deficiencias das estradas. Algunhas teñen o firme en moi mal estado; é moi urxente arranxalas. A maior parte das vías provinciais en Ourol están sen desbrozar; que se dea esta situación pasado o verán é algo incomprensible”. Engade: “Unha delas é a LU-P-3807, que comunica a parroquia de San Pantaleón, e os veciños quéixanse moito. As estradas están perigosas e dan moi mala imaxe. Pode haber danos materiais pero tamén persoais, porque debido á maleza hai puntos con moi pouca visibilidade. Pedimos ao goberno da Deputación que canto antes faga que se rocen estas estradas e que amañen aquelas que están mal”.
Polo seu lado, o portavoz municipal, José Hermida, manifesta: “Dende o PP de Ourol ofrecémonos ao alcalde para facer unha fronte común para intentar acabar co abandono a que somete a este concello a Deputación, tanto no que se refire ás estradas como ao polígono industrial. As estradas, a estas alturas do ano seguen sen rozar, a pesar de que en concellos limítrofes xa está feito ese traballo dende hai uns días. En canto ao polígono, hai que dicir que está totalmente deteriorado, case sería imposible que nas condicións que está hoxe viñera unha empresa. Ofrecemos ao alcalde constituír unha fronte común para presentarnos na Deputación para intentar que estes problemas se solucionen, que se mire un pouco por resolver os problemas que teñen os veciños de Ourol”.