O PP de Lourenzá urxe a convocatoria do pleno tras cinco meses sen sesións ordinarias

AMariñaXa
Os populares reclaman recuperar a normalidade institucional e advirten de posibles medidas se non hai resposta do goberno local
PP-Lourenzá
23 Apr 2026

O Partido Popular de Lourenzá vén de solicitar formalmente á alcaldesa a convocatoria inmediata dunha sesión ordinaria do pleno municipal, tras denunciar que este órgano non se reúne desde hai cinco meses.

O portavoz popular, Roberto Díaz, rexistrou un escrito no que insta ao goberno local a retomar o funcionamento habitual da institución e a aclarar os motivos polos que non se está a cumprir a periodicidade acordada para as sesións plenarias. Segundo lembran, ao inicio do mandato fixouse unha convocatoria ordinaria cada dous meses, un compromiso que, segundo sinalan, non se está a respectar no que vai de ano.

Desde o grupo municipal do PP consideran que esta situación limita a súa capacidade de exercer a función de control e de representación, ao impedirlles formular preguntas ou trasladar ao pleno as propostas e demandas da veciñanza. Ademais, advirten de que a ausencia de sesións tamén afecta á tramitación de asuntos fundamentais para o Concello, como a aprobación de ordenanzas, contratos, operacións económicas ou o propio orzamento.

Os populares lembran que xa advertiran da falta de convocatoria do pleno correspondente ao mes de xaneiro. Naquel momento, a alcaldesa xustificou a situación pola ausencia do servizo de secretaría. Porén, desde o PP cuestionan as xestións realizadas para resolver esta carencia e apuntan á posibilidade de recorrer ao apoio da Deputación de Lugo para garantir este servizo de forma temporal.

O portavoz tamén critica que a situación se prolongase nos meses seguintes sen que se adoptasen solucións, e fala dunha falta de resposta por parte do goberno local ante un problema que afecta ao funcionamento ordinario da administración municipal. Neste contexto, lembra tamén que o Concello continúa sen contar cun orzamento aprobado para 2026, o que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de planificación.

Desde o Partido Popular de Lourenzá advirten que, no caso de que non se convoque o pleno ou non se dea resposta á súa solicitude, estudarán a posibilidade de adoptar outras medidas para garantir o correcto funcionamento institucional, entre elas trasladar a situación á Valedora do Pobo.

0.12692785263062