O PP de Lourenzá denuncia verteduras de alquitrán no rego da Fonte do Cura tras unhas obras municipais

AMariñaXa
Os populares esixen explicacións ao goberno local e medidas urxentes para limpar o curso fluvial e a fonte en Santo Tomé
Lourenza-verteduras-de-alquitrán-no-rego-da-Fonte-do-Cura-PP-critica
28 Feb 2026

Os concelleiros do Partido Popular en Lourenzá alertan da contaminación detectada no rego da Fonte do Cura, situado na parroquia de Santo Tomé, que atribúen ás recentes obras de alcatranado realizadas no campo da festa e na entrada do cemiterio.

Segundo trasladan os populares, nas últimas horas recibiron numerosas queixas da veciñanza ao comprobar que o curso de auga presentaba restos de alcatrán, unha situación que, advirten, “pode provocar un grave dano medioambiental” se non se actúa con rapidez. A formación critica “o pouco ou nulo control exercido pola alcaldesa e polo equipo de goberno” durante a execución destes traballos.

Os edís populares consideran que a falta de supervisión derivou nunha vertedura que afecta tanto ao rego como á propia fonte da contorna, que, segundo sinalan, tamén se atopa manchada de material asfáltico. “A imaxe que se está a dar é moi negativa e impropia dun espazo público que debería estar coidado”, apuntan.

Desde o grupo municipal do PP reclaman explicacións públicas á rexedora sobre o sucedido e demandan que o Concello active de inmediato todos os mecanismos necesarios para proceder á limpeza do rego e restaurar o seu bo estado ambiental. Ao mesmo tempo, solicitan que se adopten medidas preventivas para evitar que situacións semellantes volvan repetirse en futuras actuacións.

Os populares insisten en que a protección do medio natural e o mantemento adecuado das infraestruturas locais deben ser unha prioridade na xestión municipal, especialmente en espazos que forman parte do patrimonio e do uso cotián da veciñanza de Santo Tomé.

0.13325190544128