O PP de Lourenzá denuncia que os premios do Entroido seguen sen pagarse sete meses despois

O Partido Popular de Lourenzá denuncia que os premios en metálico do concurso de Entroido organizado polo Concello continúan sen abonarse sete meses despois da celebración do desfile. Os concelleiros populares aseguran que os grupos, as charangas e as carrozas premiadas aínda non recibiron os importes correspondentes.
Desde o PP consideran que esta demora é un exemplo da "desidia" que, ao seu xuízo, caracteriza a xestión do goberno municipal socialista. A formación critica que os participantes sigan á espera do diñeiro malia o tempo transcorrido desde un evento que enche as rúas de Lourenzá de música e actividade.
Os populares sosteñen que o atraso supón un prexuízo económico para os participantes e pode xerar desilusión entre as persoas e colectivos que colaboran no desfile, que consideran un dos máis destacados da Mariña.
O grupo municipal tamén se fai eco das queixas dos colectivos afectados e reprocha ao executivo local que, segundo afirma, non dea resposta ás persoas premiadas unha vez rematado o evento. "Ignoraron aos premiados unha vez sacada a foto do desfile", sinalan os concelleiros.
Ante esta situación, o PP reclama ao goberno municipal que abone de inmediato os premios pendentes e cumpra o compromiso adquirido cos participantes, en recoñecemento ao traballo, ao esforzo e ao investimento económico que require a preparación do desfile.