O PP de Lourenzá crítica a falta de promoción da Festa da Faba e exixe accións inmediatas

AMariñaXa
O partido crítica a falta de información e promoción da Festa da Faba e exixe acción inmediata para asegurar o seu éxito
faba-lourenza
17 Sep 2024

O Partido Popular de Lourenzá expresou a súa profunda preocupación polo aparente desinterese do goberno local na organización e promoción da Festa da Faba, unha celebración de Interese Turístico Galego cun gran significado para a comunidade. O PP instou ao executivo municipal a actuar “en tempo e forma” para asegurar a correcta difusión e a participación do público nesta festa tan emblemática.

A poucos días da celebración habitual, que ten lugar a principios de outubro, o grupo popular critica a falta de información e de avances na organización. Segundo manifestaron, “a día de hoxe, ninguén sabe se a festa se vai celebrar, nin cando, nin de que maneira”. Este descoñecemento xera preocupación entre os veciños e os empresarios locais, que dependen economicamente da festividade.

“A Festa da Faba non só representa a nosa cultura e tradicións, senón que tamén é unha fonte vital de ingresos para moitas familias da vila. A faba é un produto clave para a economía local, influíndo de maneira significativa na restauración e no comercio da zona”, subliñan dende o PP.

Os populares destacan que a falta de promoción e de visibilidade da festa resulta lamentable, especialmente considerando a súa relevancia para atraer visitantes de toda Galicia. “É fundamental que a rexedora se comprometa a exercer as funcións que realmente interesan ao seu pobo e asegure que a festa reciba a publicidade e o apoio que merece”, conclúen.

O PP de Lourenzá subliña que a Festa da Faba é un evento de gran valor cultural e económico para a vila, e que a súa correcta organización e promoción son cruciais para garantir o éxito da celebración e o benestar da comunidade.

0.16777610778809