O PP de Lourenzá afea que para o Goberno local “non sexa prioritario loitar contra os incendios forestais"
O PP de Lourenzá definen como “alarmante” que para o PSOE local non sexa prioritario loitar contra os incendios forestais e crear emprego ao mesmo tempo. Desde o Goberno local manifestan que fan traballo de rozas mecanizadas, pero os populares insisten en que iso non impide dispoñer tamén dunha brigada de incendios, que aparte de crear emprego, non
supón gastos ao erario local porque é subvencionada pola Xunta de Galicia. Así mesmo, os concelleiros do PP de Lourenzá consideran “irresponsable” que o Goberno local dirixa labores de limpeza a través de empregados públicos en fincas privadas que afectan a beirarrúas.
O Goberno local, tal e como lles aclarou a alcaldesa no último pleno este ano non se solicitou a brigada porque lles parece máis operativo "o que estamos a facer nos últimos anos, realizar os tratamentos preventivos con roza mecanizada, actuando naquelas pistas forestais polas que poden pasar tractores con cisternas ou motobombas". Por outra banda, o PP local xa ten advertido en plenos da tardanza de pagos a asociación culturais, deportivas, etc. E no pleno celebrado este mes de outubro, o goberno local sinalou que só queda pendente de pagar a 2 asociacións, pero consideramos que “non é comprensible que as asociacións que desenvolven unha importante labor cultural e deportiva estean 8 meses sen recibir as subvencións acordadas, escusándose en papeleos pendentes”.
Ademais, engaden que “nos constan que hai asociacións que os presentaron reiteradamente e, para colmo de males, no pleno anterior o goberno local manifestaba que non realizará convocatorias para as asociacións nos vindeiros anos. Segundo o Goberno, houbo asociacións que non presentaron a documentación en prazo e forma, tendo que ser requeridas para que a aportaran, aceptándose incluso fóra de prazo. Aclaran así que non é competencia municipal o estado económico das asociacións, pero si o é colaborar naquelas actividades que sexan de interese para a veciñanza. Isto será o que se fará en adiante desde a área de cultura municipal.
Pola contra, dende o PP advirten que “se o Concello non axuda ás asociacións que son as que realmente levan o peso da dinamización cultural do municipio porque o goberno local apenas programa actividades -só teatro-, Lourenzá pasará sen apenas cultura”. Os populares tamén advirten que “todo parece indicar que o colexio quedará sen a axuda para o pago de libros” despois de que “o goberno local puxera neste pleno como escusa que este ano presentou a documentación fóra de prazo; cando dende o centro explican que se presentou igual que en anos anteriores”. Dende o equipo de Goberno, destaca que se trata de servizos públicos, competencia da Xunta. No caso do transporte da ESO, "aclaróuselle ao Grupo Popular no último pleno que era totalmente necesario mentres non solucione a Xunta o deficiente servizo de comedor escolar".