O PP de Foz suxire que o Concello pague un canon fixo pola residencia

Foz
AMariñaXa
Segundo o grupo político, por segunda vez, o novo contrato da Residencia de Maiores non foi adxudicado despois de que se retirase o expediente
residencia foz
6 sep 2024

O Partido Popular de Foz criticou a actitude do alcalde durante o pleno celebrado onte. Segundo o grupo municipal, a crítica xurde debido a que, por segunda vez, o novo contrato da Residencia de Maiores non foi adxudicado despois de que se retirase o expediente. A retirada do contrato seguiu a análise dun informe da Secretaría tras un recurso interposto polo PP, que alegaba que o alcalde incumpriu o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF) ao non permitir a votación sobre se deixar o asunto enriba da mesa.

Ademais, o PP reprocha ao rexedor por ter expulsado aos familiares dos usuarios da residencia durante a sesión plenaria por aplaudir a retirada da adxudicación. O partido considera esta actitude como un intento de silenciar as queixas da comunidade afectada. O Partido Popular esixe que o alcalde recapacite e que se sente a dialogar cos grupos políticos e coas familias para atopar unha solución á problemática, incluíndo a posibilidade de aliviar a subida das taxas.

Suxire que se considere un canon fixo que pague o Concello ou que se modifiquen as axudas de emerxencia, que actualmente están deseñadas para casos de beneficiencia e non para cubrir as subidas propostas polo equipo de goberno. Javier Castiñeira, voceiro do PP, criticou a "actitude absolutamente irresponsable" do alcalde, que levou ao pleno unha adxudicación que podería resultar inasumible para os residentes da residencia.

Castiñeira subliñou a gravidade do asunto e a necesidade de resolver o tema antes de que entren en vigor as novas taxas. O PP tamén chamou a atención sobre o incumprimento do artigo 78 do ROF, debido á falta de convocatoria do pleno ordinario de xullo, tal e como se establece no pleno de organización ao inicio da lexislatura.

0.18443417549133