O PP de Foz pide explicacións polo parón da conexión viaria entre o barrio das Torres e a estrada de Llas

Foz
AMariñaXa
O grupo popular indica que esta se suma á longa lista de obras sen rematar na localidade, como a da rúa Irmandiños
foz-barrio-torres-pp
7 Jul 2025

O Partido Popular de Foz vén de denunciar a paralización total da obra que debía conectar o barrio das Torres coa estrada que vén de Llas, un proxecto, segundo indica, anunciado con grandes expectativas a comezos deste ano e orzamentado en arredor de 68.000 euros.

Traslada a formación popular que a actuación, financiada con fondos do 2024 e iniciada no primeiro trimestre do 2025, permanece meses sen avances nin presenza da empresa encargada, xerando preocupación entre os veciños.

Continúa, afirmando que a modificación do sentido do tráfico, unha medida do Goberno local, obrigou a que moitos residentes teñan que dar rodeos considerables para acceder aos seus garaxes. A solución anunciada polo alcalde, que consistía na construción dun novo acceso, presentouse inicialmente como unha mellora, aínda que desde o PP critican que en realidade responde a un erro na xestión municipal.

“É outro exemplo máis de obras interminables de Cajoto que, neste caso, creou un problema aos veciños dunha urbanización no barrio das Torres no seu afán de modificar o tráfico, e agora houbo que gastar 68.000 euros en facer un acceso que antes era innecesario. Esa é a súa forma de proceder: improvisar e gastar os cartos dos demais”, declarou o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira.

“Os veciños están preocupados. Non saben se hai problemas coa contrata, falta de financiamento ou algunha disputa técnica. O que está claro é que non se lles dá ningunha resposta”, lamenta Castiñeira.

Este episodio, fan fincapé, súmase á longa lista de obras sen rematar na localidade, como a da rúa Irmandiños no barrio das Casas Baratas, que leva anos pendente malia as reiteradas promesas do alcalde. “Cajoto sempre anuncia con pompa o inicio das obras, pero nunca di cando rematarán. Necesitamos un goberno serio e que respecte aos veciños”, engadiu o portavoz popular.

O PP de Foz pide ao alcalde que dea explicacións públicas urxentes e tome medidas inmediatas para reactivar a obra e evitar que esta conexión viaria quede no esquecemento, como outras intervencións mal xestionadas polo actual equipo de goberno.

⚙ Configurar cookies
0.16769099235535