O PP de Foz insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a axilizar os informes sobre o dragado de Portochico

Foz
AMariñaXa
Os populares defenderán unha moción no pleno para desbloquear a tramitación do dragado e impulsar o desenvolvemento económico da vila
Foto-actual-do-Porto-Chico-de-Foz-2023
19 sep 2024

Os concelleiros do Partido Popular de Foz presentarán no próximo pleno unha moción para instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a emitir os informes pendentes necesarios para continuar coa tramitación ambiental e a licitación do dragado da canle e da dársena do Portochico. Esta actuación, segundo explican, é clave para o crecemento económico da localidade.

Javier Castiñeira, voceiro do PP en Foz, participou onte xunto con outros concelleiros e representantes da asociación A Ribeira nunha xuntanza co presidente de Portos de Galicia, onde se analizou o estado do expediente. Castiñeira subliñou que a demora por parte do Ministerio está a ralentizar o proceso, a pesar de que os informes foron solicitados hai varios meses. "É fundamental que se axilicen estes trámites para que o proxecto poida avanzar, xa que está en xogo o futuro económico do noso concello", afirmou.

O dragado de Portochico, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, é unha obra crucial para a reorganización do porto e o impulso ao sector pesqueiro e turístico de Foz. "Lamentamos que a burocracia do Ministerio de Transición Ecolóxica estea a dificultar o desenvolvemento destes traballos", indicou Castiñeira, engadindo que parece haber outras prioridades no Ministerio.

Por outra banda, o PP de Foz agradeceu á asociación A Ribeira o seu apoio e preocupación pola execución deste proxecto, e recoñeceu a transparencia coa que Portos de Galicia informou sobre a situación actual do expediente.

Os populares confían en que esta moción no pleno axude a acelerar o proceso e poidan comezar os traballos canto antes, co obxectivo de mellorar as infraestruturas e dinamizar a economía local.

0.10347890853882