O PP de Foz alerta dunha suba no Imposto de Bens Inmobles

Foz
AMariñaXa
Segundo Javier Castiñeira, voceiro popular, os informes técnicos estiman que o Concello recadará preto de 80.000 euros máis coa nova contribución
casa-do-concello-de-foz
29 Ago 2024

O Partido Popular de Foz critica ao Goberno local polo que consideran unha nova subida encuberta do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Segundo Javier Castiñeira, voceiro popular, os informes técnicos estiman que o Concello recadará preto de 80.000 euros máis coa nova contribución. Castiñeira acusa á concelleira Inés Couto de enganar aos veciños ao anunciar bonificacións, xa que as rebaixas se aplican onde menos se recada, mentres que nas áreas de maior recadación haberá subas.

Os populares sinalan que nos bens inmobles urbanos, onde o Concello recada aproximadamente 2,8 millóns de euros, o coeficiente pasará de 0,52 a 0,54, o que suporá unha subida de 100.000 euros. Pola contra, nas construcións rústicas, onde se cobraban uns 40.000 euros, haberá unha rebaixa de 20.000 euros ao reducirse o coeficiente de 0,60 a 0,54.

"É un incumprimento máis do PSOE", lamenta Castiñeira, quen lembra que o programa electoral do partido gobernante prometía unha rebaixa na contribución, algo que agora se transforma nunha nova subida. O voceiro popular acusa ao alcalde Cajoto e á concelleira Couto de perder a credibilidade tras cinco anos de "mentiras e falsas propostas".

Ademais, Castiñeira denuncia o "afán recadatorio descomunal" do goberno bipartito de Foz, que segundo el, tamén aumentou as taxas pola recollida do lixo, as licenzas de obra, a ocupación de vías para terrazas e as casetas da praia. "Agora, ademais, aumentan o IBI e queren que lles aplaudamos despois de mentirnos e tomarnos por tontos", conclúe o voceiro popular.

0.11187100410461