O PP de Foz denuncia problemas de accesibilidade nas obras realizadas

Foz
AMariñaXa
O PP lamenta que o goberno de Foz rexeite facer un plan de accesibilidade, para xustificar as obras en beirarrúas que non cumpren a normativa.
obras beirraruas foz pp
7 Abr 2021

O PP lamenta que o goberno de Foz rexeite deseñar un plan de accesibilidade, "para xustificar as obras en beirarrúas que non cumpren a normativa". Fai estas afirmacións tralo voto en contra de socialistas e nacionalistas, no pleno do luns, ante a moción do PP para deseñar e executar en Foz un plan de accesibilidade, "unicamente por xustificar as chapuzas nas obras novas que están a facer”.

O concelleiro popular Juan Rivas explica: “O alcalde recoñeceu que as beirarrúas en Vilaxoane non cumpren o ancho mínimo, o que é inaceptable nunha obra nova que poñerá en risco especialmente ás persoas con mobilidade limitada, que atoparán trampas perigosas en itinerarios de recente construción”.

O mesmo representante popular sinala: “O mesmo pasa nas beirarrúas de Julia Minguillón, onde se deixou o que a xente xa tilda coma “foso dos leóns”, unha entrada a un garaxe que ocupa o ancho da beirarrúa e que necesitará de varandas para evitar caídas frontais; así as cousas, é preciso facer dous crebos de 90 grados para transitar recto”.

Rivas considera que “Cajoto demostra ter nula capacidade para resolver problemas sobrevidos coma estes, que precisaban ou ben de expropiacións de muros particulares ou ben novas solucións a entradas a garaxes; prefire tirar para diante,  porque hai que inauguralas”. Engade: “É un autentico despropósito que culminou onte no pleno coa xustificación dunha rampla na rúa do Asilo que non cumpre o establecido na orde ministerial de novos itinerarios accesibles; é unha obra impropia dun enxeñeiro de Camiños como é o señor Cajoto”.

O concelleiro Juan Rivas di: “As normas están para cumprilas; non se cumpre a legalidade facendo como dixo Cajoto, que asegurou que cumprindo coa lei galega chega, afirmación esperpéntica que non entendemos en obras novas que teñen a obriga de cumprir coa máxima legalidade”.

Rivas pregúntase “como vai agora esixir  o alcalde aos veciños que cumpran as normas se o goberno local é o primeiro en saltarse a legalidade, e máis aínda nun asunto tan importante como a accesibilidade en 3 casos tan concretos e coincidentes no tempo”. Considera que “o equipo de goberno demostrou nula xestión e nada de autocrítica; o Partido Popular xa avisou de que esixirá responsabilidades a quen recepcione obras que non cumpren coa total legalidade”.

obras beirraruas foz pp
0.13296008110046