O PP de Foz denuncia o deterioro da Praza Pardo de Cela e reclama unha actuación urxente

O Partido Popular de Foz denunciou o estado de conservación da Praza Pardo de Cela, situada no centro histórico da localidade, e reclamou ao goberno municipal unha intervención urxente para mellorar a imaxe e a seguridade deste espazo público.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegurou que a praza presenta un aspecto de abandono, con xardineiras deterioradas, vexetación seca e unha fonte sen funcionamento, unha situación que considera especialmente preocupante ao tratarse dunha das zonas máis transitadas e representativas do municipio, situada a escasos metros da igrexa parroquial.
Desde o PP sinalan que esta praza é un punto habitual de paso tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan Foz durante o verán, polo que consideran necesario reforzar os labores de mantemento e conservación para ofrecer unha mellor imaxe do municipio.
Os populares lembran ademais que xa trasladaran esta demanda ao pleno municipal hai varios meses mediante un rogo, solicitando que se acometeran melloras antes do inicio da tempada estival. Porén, afirman que a situación non só non se solucionou, senón que o deterioro foi aumentando co paso das semanas.
Entre as deficiencias detectadas destacan o mal estado das xardineiras, a falta de mantemento da vexetación ornamental e a situación da fonte, que permanece sen auga e presenta diversos elementos deteriorados.
Así mesmo, Castiñeira advertiu de posibles problemas de seguridade na fonte, ao considerar que existen pezas soltas que poderían supoñer un risco para os menores que utilizan habitualmente este espazo como zona de xogo.
O PP tamén lembra que a Praza Pardo de Cela forma parte dun ámbito do casco histórico pendente de desenvolvemento urbanístico a través do correspondente Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), unha actuación sobre a que, segundo indican, non se produciron avances nos últimos anos.