O PP de Foz denuncia no pleno deficiencias en vías, obras e estado das praias do municipio

O Grupo Municipal do PP de Foz trasladou no pleno celebrado onte unha serie de rogos nos que puxo o foco no estado de diferentes infraestruturas municipais, así como na xestión das obras e no mantemento dos espazos públicos, especialmente de cara á tempada estival.
Entre as cuestións expostas, os populares alertaron dun accidente de moto rexistrado días atrás no viario paralelo ao centro social e ao campo de fútbol, na zona coñecida como O Igresario. Segundo explicaron, o sinistro teríase producido a causa dunha fochanca que quedou sen reparar tras unha obra de canalización. Neste sentido, pediron ao goberno local unha actuación urxente para evitar novos incidentes e reclamaron tamén un maior control na execución das obras municipais para garantir que as vías queden correctamente rematadas.
O PP tamén puxo o acento na xestión das obras de asfaltado no núcleo urbano, sinalando que unha empresa contratada polo Concello inicia os traballos pero non os conclúe en tempo e forma, deixando rúas abertas ao tráfico sen rematar. Mencionaron como exemplos situacións anteriores en distintas vías do municipio e tamén noutras intervencións recentes, nas que, segundo indican, os veciños levan semanas soportando po e molestias. Por iso, instaron ao alcalde a esixir que os traballos se executen de maneira continua e que as rúas non se poñan en servizo ata estar completamente asfaltadas.
Outro dos puntos destacados foi o estado das praias e paseos municipais co inicio do verán. O grupo popular advertiu de deficiencias en socorrismo, falta de material nos postos e escaseza de persoal, ademais de incidencias na seguridade dos areais. Segundo indicaron, recentemente veciños tiveron que intervir nun rescate utilizando medios insuficientes. Tamén sinalaron que durante o mes de xuño xa se rexistrou unha alta afluencia de visitantes mentres os areais, afirman, non estaban nas condicións axeitadas.
Así mesmo, denunciaron o estado de áreas recreativas sen desbrozar, accesos deteriorados e espazos con falta de limpeza, citando exemplos como a zona da Rapadoira, onde aseguran que hai invasión de vexetación e terra en determinados puntos. Criticaron tamén o estado da pasarela de madeira, con táboas levantadas e danadas, e fixeron referencia a instalacións eléctricas nos paseos con cableado visible.
O PP de Foz concluíu os seus rogos pedindo ao goberno local menos publicidade e máis xestión directa, así como unha maior autocrítica tras varios anos de mandato, insistindo na necesidade de mellorar o mantemento xeral dos areais, accesos e espazos públicos do municipio.