O PP de Foz denuncia falta de limpeza e mantemento na contorna da Casa da Cultura

Foz
AMariñaXa
Os populares reclaman ao Goberno municipal que actúe ante o crecemento da vexetación en varias parcelas e trasladan a preocupación veciñal polo estado destes espazos
Foz-contorna-casa-da-cultura-mal-estado
20 Aug 2026

O Partido Popular de Foz denunciou o estado de limpeza e conservación de diferentes espazos situados na contorna da Casa da Cultura, da Escola Infantil e da Estación de Autobuses, así como nas proximidades das vivendas sociais e doutras propiedades particulares.

Segundo sinala a formación, a vexetación medrou sen control en varias parcelas públicas, ofrecendo, ao seu xuízo, unha imaxe de falta de mantemento. Os populares aseguran que a veciñanza da zona está a reclamar labores de limpeza e roza para acondicionar estes espazos.

O PP centra especialmente as súas críticas nunha parcela empregada polo Concello para o acopio de materiais de construción. A formación sostén que a falta de limpeza deste terreo estaría a favorecer a presenza de animais non desexados e asegura que esta situación esperta preocupación entre os residentes ante o risco de que poida producirse algún incidente.

Para os populares, a situación non responde unicamente a unha cuestión estética, senón que afecta tamén á limpeza, á prevención e á seguridade dos veciños.

Por este motivo, o PP reclama ao Goberno municipal encabezado polo alcalde, Fran Cajoto, que acometa os traballos necesarios para acondicionar estas zonas e reforzar o mantemento dos espazos públicos. A formación pide retirar a vexetación acumulada e conservar as parcelas en condicións adecuadas, defendendo que "Foz merece máis coidado e menos abandono".

0.10499286651611