O PP de Foz cualifica de "fracaso" o plan de mobilidade e pide rectificar os cambios de tráfico

Foz
AMariñaXa
Javier Castiñeira sostén que as medidas provocaron "moitísimas incomodidades" á veciñanza e cifra en preto de dous millóns o investimento nas obras realizadas
calle-Foz
18 Sep 2026

O Partido Popular de Foz volveu poñer no punto de mira o plan de mobilidade e os cambios introducidos na ordenación do tráfico polo goberno municipal de Fran Cajoto. Os populares, que xa amosaran a súa oposición ás medidas desde a súa implantación, sosteñen que o paso do tempo non conseguiu reducir o malestar que, segundo aseguran, existe entre unha parte da veciñanza.

O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, interpretou as recentes explicacións ofrecidas polo alcalde sobre as actuacións como unha mostra da preocupación do executivo local ante as críticas. "Algunha alarma lle debe soar ao señor Cajoto cando se pon a dar explicacións sobre os cambios de tráfico que fixou e agora queira maquillar unha realidade que vai en contra da opinión xeral dos veciños", afirmou.

Castiñeira insistiu en que as modificacións da circulación xeraron problemas que a súa formación xa advertira anteriormente. Na súa opinión, lonxe de mellorar a mobilidade, as decisións adoptadas complicaron os desprazamentos polo municipio. "Todo o mundo en Foz sabe que os cambios de tráfico do señor Cajoto trouxeron moitísimas incomodidades e empeoraron a circulación", sostivo.

As críticas do PP esténdense ao conxunto do plan e tamén ao seu custo. Castiñeira cualificouno de "auténtico fracaso" e de "gastacartos" e cifrou en arredor de 15.000 euros a redacción do documento. A esta cantidade engadiu case dous millóns de euros nas obras executadas, financiadas con achegas da Deputación de Lugo e do propio Concello.

Segundo o portavoz popular, trátase de actuacións "retrasadas, mal planificadas" e que continuaron ocasionando molestias desde a súa posta en marcha. Castiñeira cuestionou ademais que o propio plan, pese ao investimento realizado para elaboralo, fose posteriormente incumprido "en varias ocasións".

Para o PP, o goberno municipal debería revisar as medidas que non deron os resultados agardados en lugar de manter a actual ordenación. "Isa é a realidade, descontento, descontrol e incapacidade do señor Cajoto para recoñecer os fallos e rectificar, que sería algo lóxico e normal", manifestou Castiñeira.

O portavoz popular defendeu así a necesidade de introducir modificacións na mobilidade de Foz para corrixir os aspectos que, ao seu xuízo, están dificultando o día a día da veciñanza. Ao mesmo tempo, avanzou que esta será unha das cuestións que o PP pretende abordar se recupera o goberno municipal.

"Dende o Partido Popular estamos confiados en que, nun futuro próximo cando volvamos a gobernar, ese plan fallido poda ser modificado e rectificado para facer a vida aos veciños de Foz moito máis cómoda e moito máis moderna", concluíu Castiñeira.

0.14329099655151