O PP de Foz critica a reorganización do mercado durante as festas e pide recuperar o traslado a Malates

Foz
AMariñaXa
Os populares consideran que o cambio da feira ao venres xerou desorde e prexudicou tanto aos comerciantes como aos usuarios
2026-zona-celebración-mercado-Foz
17 Jul 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz censurou a xestión realizada polo Goberno local na reorganización do mercado semanal coincidindo coa celebración das Festas do Carme. O portavoz da formación, Javier Castiñeira, asegurou que o cambio da feira ao venres provocou problemas de organización que, ao seu xuízo, afectaron tanto aos vendedores como á clientela.

Segundo explicou o portavoz popular, a coincidencia do mercado coas celebracións festivas obriga a buscar solucións alternativas, pero defendeu que a mellor opción é manter a feira no seu día habitual, os martes, trasladando os postos á zona de Malates. Castiñeira lembrou que este era o sistema empregado durante os gobernos do Partido Popular e considera que permitía compatibilizar ambas actividades sen alterar o funcionamento do mercado.

Desde o PP sosteñen que o cambio de xornada provocou confusión entre comerciantes e usuarios. Ademais, afirman que, á primeira hora da mañá do venres, a zona onde debía instalarse o mercado aínda presentaba restos da actividade festiva da noite anterior e parte das atraccións permanecían no lugar, circunstancias que, segundo denuncian, dificultaron a montaxe dos postos.

A formación popular asegura que esta situación ocasionou atrasos no inicio da actividade comercial e prexudicou aos profesionais que acoden semanalmente ao mercado de Foz, un dos máis concorridos da comarca. Ao mesmo tempo, considera que a falta de limpeza e coordinación evidenciou deficiencias na planificación municipal.

Por este motivo, o PP reclama ao executivo local que recupere o modelo aplicado en anos anteriores, mantendo o mercado no seu día habitual e trasladándoo temporalmente á zona de Malates cando coincida coas festas patronais. Os populares confían en que o Concello tome nota do sucedido para evitar que episodios similares volvan repetirse en futuras edicións das celebracións.

0.12408399581909