O PP de Foz critica a falta dun plan de desbroces e denuncia o estado das zonas verdes en Fazouro

Foz
AMariñaXa
Os populares aseguran que o Goberno local rexeitou a súa proposta para organizar os traballos de mantemento e alertan da presenza de herba alta en espazos de uso público
fazouro-abandono-veran-zonas-sen-rozar-PP-Foz-2026
18 Jul 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz volveu reclamar ao Goberno local a elaboración dun plan de desbroces que permita programar os traballos de mantemento das zonas verdes do municipio e evite, segundo sostén, os problemas que se repiten cada verán nas parroquias e nas áreas recreativas.

Desde a formación popular lembran que esta proposta foi presentada nos últimos plenos municipais, onde, aseguran, foi rexeitada polo executivo encabezado polo alcalde Fran Cajoto. Ao seu xuízo, a ausencia dunha planificación está a provocar unha falta de conservación en distintos espazos públicos.

Como exemplo desta situación, o PP sinala o estado no que se atopa a parroquia de Fazouro, onde, segundo denuncia, a vexetación medrou de forma considerable en diferentes zonas de lecer. Entre elas citan unha cancha deportiva e un parque infantil, espazos nos que consideran que a herba alta dificulta o seu uso e prexudica a imaxe do municipio.

Os populares insisten en que unha programación periódica dos desbroces permitiría actuar de maneira preventiva e manter en mellores condicións tanto as parroquias como as áreas recreativas durante os meses de maior afluencia de veciños e visitantes.

0.14205694198608